Dúas nenas para o cambio de ano

Miranda Blanco, a primeira de 2012 (Foto: Jainer Barros)
Unha naceu en 2012 e a outra en 2011. Miranda e Aldara irán en cursos diferentes cando comecen o colexio, aínda que só unhas horas separan os seus nacementos. O último bebé nacido na provincia xa no ano pasado foi Aldara Fiz Cota.
Eran as 19,55 horas cando a súa nai, Sonia Cota, daba a luz á irmá de Antía -de catro anos-, primeira filla do matrimonio que forma xunto a José Antonio Fiz. A pequena chegou ó mundo con 50 centímetros de lonxitude e 3,740 kilogramos de peso froito dun parto natural. Tanto ela como a súa nai están perfectamente e agardan voltar para a súa casa, en Xinzo de Limia, hoxe mesmo. Sonia Cota e José Antonio Fiz, ámbolos dous funcionarios de profesión e naturais da cidade, non só despediron o ano como pais da última ourensana, senón que tampouco deixaron pasar por alto a tradición e seguiron as campanadas de Fin de Ano dende o Materno Infantil a carón da súa pequena.
Pola contra, Miranda Blanco del Río trasnoitou. Non deu chegado ás badaladas pero, aínda así, as súas ganas por nacer sorprenderon, en primeiro lugar ós propios pais. Aurora del Río e José Antonio Blanco dispúñanse a cear coa familia cando a primeira filla da parella comezaba a anunciar a súa chegada. Confiada, segundo conta, a nai trasladouse a Urxencias coa intención de voltar á tradicional cea de Noitevella, pero xa non puido ser. Á 1,05 horas daba a luz a unha nena de 49 centímetros de lonxitude e 2,820 kilogramos de peso, converténdose ademais na primeira galega do ano que comeza, aínda que o primeiro bebé foi un varón en Vigo. Pero é que ademais, Miranda é tamén a primeira neta e sobriña nas familias materna e paterna, polo que a alegría aínda é maior. Aurora del Río é natural de Untes e traballa como técnico nunha bodega. O seu home naceu en Cudeiro e é profesor de música.n

Te puede interesar