Ourense

"Nós, arredor de Nós", unha edición de “luxo" para homenaxear á vangarda cultural centenaria

Ourense

Cultura

"Nós, arredor de Nós", unha edición de “luxo" para homenaxear á vangarda cultural centenaria

Foto: Xesús Fariñas
photo_camera Foto: Xesús Fariñas
Catro monografías de persoeiros da revista Nós protagonizan un dos actos do centenario

 "Nós arredor de nós", de Paco López-Barxas, é unha publicación vencellada ao centenario da revista do mesmo nome, que se celebra esta semana. A Deputación de Ourense presentou onte o libro, editado por José Luis Teófilo e ilustrado por Baldomero Moreiras. Rosendo Fernández, vicepresidente provincial, participou no acto subliñando a "homenaxe a catro grandes da Auria irrepetible de Otero Pedrayo, Risco, Cuevillas, Losada Diéguez e Castelao".

Catro libriños

"Nós arredor de nós" é unha coidada edición especial, composta por catro libriños. Cada un adicado a un autor e feitas para ler "no que se tarda en ler un xornal do día", en palarbas do autor. As monografías chámanse "Arredor de nós e de Castelao", "Eu son Otero Pedrayo", "Eu son Risco" e "Eu son Floro Cuevillas". López-Barxas, autor da obra, tildou a publicación de "luxo para un luxo de Xeración. É unha homenaxe para os ourensáns de todo o mundo. Aquí está a galeguidade". O escritor confesou que esta edición conmemorativa do centenario de Nós "está feita con moito amor, paixón e admiración por estes nomes que souberon poñer a Galicia no mapa de Fontán. Trátase de homenaxear a unha vangarda cultural". 

Castelao, Otero Pedrayo, Vicente Risco e Florentino Cuevillas son os protagonistas desta edición conmemorativa

José Luis Teófilo, editor responsable de Teófilo Edicións, agradeceu a axuda da Deputación de Ourense para levar a cabo este proxecto editorial. "A Xeración Nós traballou sen descanso a prol dun país avanzado e recoñecido, e os seus integrantes contribuíron a construír a modernidade de Galicia, de que herdamos as súas inquedanzas e o amor pola terra", dixo no acto. Animou aos ourensáns a "herdar ese soño da Xeración Nós. A cultura é imprescindible". En concreto, sobre o traballo destes catro monográficos, Teófilo subliñou a "maxia de empaquetar e envolver estas xoias". 

Galeguidade universal

"Trátase dunha edición conmemorativa coa que homenaxeamos o espírito daqueles que proxectaron os nosos sinais identitarios no plano dunha galeguidade universal, sen a que non se entende a Galicia de hoxe en día", engadiu o autor, Paco López-Barxas. Hoxe preséntase outro libro sobre Nós.