entrevista

"O Seixalbo Cultural pretende que a xente charle, que faga tribu"

Ourense 19-9-2019 foto entrevista Xose Carballido
photo_camera Xosé Carballido.

Os veciños de Seixalbo comezan un dos seus meses máis activos do ano, co comezo do Seixalbo Cultural

Remata o verán e os veciños de Seixalbo comezan un dos seus meses máis activos do ano. Dende fai 31 anos, a Asociación Veciñal San Breixo ocúpase da volta á rutina cunha amplia programación para todos os gustos e públicos durante o mes de setembro, a coñecida como Seixalbo Cultural. 

Nos seus inicios, esta iniciativa duraba unha semana.

Si, pero o ano pasado, como era o trinta aniversario, quixemos facer algo un pouco más ambicioso, que durase o mes enteiro. Iso valeunos de experiencia para ver que ampliando o tempo conseguimos ampliar tamén o público potencial, a oferta de actividades programadas e a posibilidade de adaptarnos ás inclemencias do tempo no caso dos eventos que facemos ao aire libre.

Cales son as propostas máis fortes deste ano?

Ademais da actividade poética e musical que inicia a programación, destaco tamén a tradicional cita co teatro, que sempre enche o Auditorio de Penouzos, e que este ano será unha adaptación do Mundo de Oz. Por outra banda, serán moi atractivas a xornada de convivencia veciñal cun colectivo emigrante, a viaxe conxunta ou a homenaxe a José Pereira, natural de Seixalbo e alcalde de Ourense de 1916 a 1917.

Os veciños forman parte do mes cultural.

Si, claro. No recital poético de hoxe (por onte) actuou o veciño Manuel Herminio co seu fillo Daniel. A autoría da recreación teatral tamén é dunha veciña, así como os actores e o corpo de baile. O concerto de clausura estará protagonizado polo grupo de aquí, Cantigas de Seixo, e na cea conxunta haberá repostería feita por locais. 

Esta participación é a clave que mantén viva a celebración?

Claro. O Seixalbo Cultural mantense gracias ás cuotas dos veciños, case non temos apoio doutro tipo. Seguimos vivos porque lle gusta á xente, porque ao final as actividades son para confraternizar, para charlar, para facer tribu entre nós. De feito, convido tamén aos de fóra, para que veñan, proben e fagan isto mesmo nos seus propios barrios. Temos que animarnos a ser sociedade.

Te puede interesar