Elba Pedrosa: “Quero transmitir que as mulleres temos voz propia e podemos usala"

photo_camera Elba Pedrosa, autora de "O que non sabías", participa na feira virtual do libro.
La escritora, autora de "O que non sabías", participa na feira virtual do libro.

A escritora Elba Pedrosa (Tenerife, 1973), afincada en Vigo, presenta a súa última novela "O que non sabías", no marco da Feira do Libro Virtual de Ourense, que remata hoxe. A autora enviou un audio sobre a publicación, que se poderá escoitar nas redes sociais das librerías ourensás. A novela narra "un grito de liberdade" que a protagonista non poderá facer ata o final da obra. Unha historia que se centra na vida das mulleres galegas dos anos 60, que renunciaron a moitas das súas paixóns por seguir os convencionalismos dunha época na que  elas "estaban supeditadas aos homes". 

Que lle inspirou a escribir a novela?
Quería escribir unha novela na que a voz da muller fose poderosa. Ademais, tamén quería falar de Galicia e da situación pola que pasamos moita parte dos galegos relacionados coa emigración. 

Considera importante a imaxe das mulleres daqueles anos?
Sí, creo que eran unhas mulleres moi valentes, polo que é importante recoñecer o seu papel na sociedade para que todo puidera marchar ben nas súas familias. As mulleres tiñan pouca voz, pero eran as encargadas de levar todo o peso do seu fogar. Este era o caso da protagonista, ata o punto que ela non se considera libre ata que non se desfai dalgúns lastres que a atan. 

A que se ten que enfrontar a protagonista? 
A prexuízos sociais daquela época na que tiñas que facer as cousas ben. Ela ten que facer fronte a eses prexuízos sociais das mulleres de que hai que facer as cousas ben e á primeira, pero non sempre é doado. No caso da protagonista, Marisa está condicionada por unha historia de amor de mocidade e tamén quedou embarazada e tivo que sacar adiante á filla. Tivo que tomar decisións como marchar cun home do que non sentía amor, senón gratitude. Esto provocará que se sinta como nunha gaiola.

Como consegue a liberdade ? 
O seu home deixa de estar ao seu carón e ese é o punto de inflexión, para ela é onde acada a súa liberdade. Cando unha muller é libre, pode levar a cabo as súas paixóns como consegue ao final. Todo iso fai que teña que agocharlle aos seus fillos moitas cousas. 

Desa reflexión sae o nome do libro, “O que non sabías"?
Si, pola súa relación cos seus fillos, aos que tivo que agochar algúns dos seus segredos. Cando as relacións se basean no silencio, nesa ausencia de liberdade, non son doadas. Ademais, a relación que ten coa filla é complicada porque por mor desa filla tivo que vivir nunha soidade espiritual. 

O libro amosa unha muller poderosa.
A literatura é unha boa ferramenta para que todos reflexionemos sobre o tema da igualdade e o feminismo. Penso que todas as persoas temos que facer moito fincapé porque aínda que a novela se desenvolve nos anos 60, aínda arrastramos moitas inxustizas no mundo laboral e familiar coas mulleres.

Que quere transmitir co libro?
Quero transmitir que ao longo das nosas vidas gardamos algúns segredos que non nos deixan desenvolvernos e que é moi importante falar entre nós e aclarar ben as cousas porque quédanse agochados malos entendidos e, despois, tomamos decisións trabucadas. Por iso temos que romper con eses silencios que imos herdando. E por suposto, tamén quero transmitir a necesidade de que as mulleres temos unha voz propia e podemos usala por nós mesmas. 

Te puede interesar