Diarios do pasado

Elixio Rivas e a arqueoloxía da Limia

Debuxos das mámoas de Veigachá e do castro de Arnuide no citado libro A Limia.
photo_camera Debuxos das mámoas de Veigachá e do castro de Arnuide no citado libro A Limia.

O pasado 24 de setembro falecía, con 97 anos, o investigador e irmán paúl Elixio Rivas Fernández. Este mesmo xornal adicoulle obituarios e outros artigos, razón pola que non entrarei nos moitos recoñecementos que recibiu ao longo da súa vida, xusto premio á súa traxectoria profesional. Entre eles o premio Otero Pedrayo das deputacións en 1980, a Medalla Castelao no ano 2000, a Pedra Alta do Museo da Limia en 2017 ou a Medalla de Ouro da Provincia de Ourense en 2018.

O profesor, etnógrafo e lingüista, acadou ademais o grao de doutor coa tese “A Toponimia de Marín”, polo que foi distinguido co galardón do IX Centenario de Marín. Sen embargo, o meu contacto con el veu pola publicación do seu libro “A Limia: val da Antela e val do Medo”, editado pola Deputación de Ourense en 1985. A finais da mesma década, eu inscribira na Universidade de Santiago de Compostela a miña tese de doutoramento. Trataba os megálitos e os poboados da Idade do Cobre na Limia. Aínda que despois limitei a área xeográfica á Baixa Limia, debido aos numerosos xacementos que ía descubrindo nesa comarca fronteiriza, comecei a ler todos os traballos sobre arqueoloxía e xeografía do territorio regado polo río Limia, e que un día tamén acolleu á lagoa de Antela antes de que fose drenada. Mais don Elixio non se limitou a dar a coñecer os numerosos xacementos arqueolóxicos que ía atopando na comarca da Limia Alta. Tamén incluíu moitos do territorio contiguo, o val do Medo ou cabeceira do río Arnoia. Seguramente porque el, nacido en Fondo de Vila, lugar do concello de Xunqueira de Ambía que mira para a chaira da antiga lagoa, entendía a proximidade xeográfica entre as dúas comarcas, debido á tenue separación que existe entre elas. En 1994 eu mesmo escribía: “A divisoria representada por esta serie de montes e outeiros coa Depresión de Maceda, cabeceira do val do Arnoia, é a máis difusa da Limia”. Mesmo algún documento medieval refírese a Maceda como “Macenda de Limia”. Nestes territorios, ao tempo que traballaba asuntos de etnografía e lingüística, don Elixio descubriu megálitos, gravados rupestres -petróglifos-, castros, xacementos romanos e material arqueolóxico diverso. Gran parte deses xacementos verificáronse en prospeccións arqueolóxicas máis recentes e actualmente están recollidos en listados -catálogos- que permiten a súa protección, ou cando menos, coñecer como eran antes da súa desaparición. É o caso da necrópole megalítica de Veigachá, ao norte de Maceda, onde descubríu un nutrido grupo de mámoas, dezasete en total, algunhas despois seguramente destruídas polas explotacións de barro para os alfares desa zona. Na actualidade aparecen catalogadas menos da metade das que el viu.

Era fácil atopalo na biblioteca do Museo Arqueolóxico, departindo amablemente con outros investigadores. Nun deses momentos aproveitei consultarlle sobre un topónimo de Lobios que sempre me pareceu extraño: Gustomeau. Amablemente respondeume: pois moi fácil; ven de “bustus” -prado- e “meianus” -do medio-, “o prado do medio”. Tamén, aínda rexo e intelectualmente vigoroso, atendeu unha recente visita que un grupo de amigos fixemos ao Museo dos Milagres no pasado mes de xaneiro, cando e durante máis dunha hora explicou todos os contidos que alí había. Así era: estudoso, amable e accesible

Gracias, don Elixio, “sit tibi terra levis”.

Te puede interesar