Ourense

Eloy Gayán, coas mulleres loitadoras

Ourense

TESTEMUÑAS DA MEMORIA

Eloy Gayán, coas mulleres loitadoras

O escritor ovetense Eloy Gayán Rodríguez,
photo_cameraO escritor ovetense Eloy Gayán Rodríguez,

Escribe para entreterse e porque, así. tamén se sae un chisco da rutina da súa docencia

Moitas veces, ou xeralmente, ou case sempre, ou sempre, a literatura é coma o cine ou unha novela é coma unha película: poden facerche crer mentiras que son verdades ou verdades que son mentiras. O que si sei seguro é que, dunha maneira ou doutra, fante soñar. O escritor ovetense Eloy Gayán condúcete por unha viaxe que desborda mentiras e traizóns pola súa novela "Las damas silenciosas" que presentou o 17 de marzo nunha libraría da nosa cidade.

Na presentación, na que interviu tamén o seu compañeiro de traballo e íntimo amigo Eduardo Cabreiros Álvarez (profesor de Historia de Dereito na Universidade da Coruña, ourensán, do barrio do Couto, como seica lle gusta pregoar), achegáronnos  a un cántico á muller audaz, combatente, solidaria, a través da historia dunha moza que loita pola subsistencia nun mundo de mentiras e desigualdade.

 Ambientada nun século XIX ben recreado, onde, por certo, hai que destacar a descrición das vestimentas, amósanos á protagonista envolta nun remuíño de mentiras, traizóns e unha gran amizade próxima ó amor, e na que o autor lle dá perfecta voz a todas as mulleres loitadoras, a esas mulleres que tratan de emular a sinxeleza, a solidariedade e o altruísmo das beguinas, movemento feminino que xurdiu no século XIII e que se mantivo ata ben entrado o XX, alcanzando un poder, incluso de palabra, e que chegou a inquietar á propia Igrexa, sendo perseguidas e incluso acusadas de bruxería. E naqueles séculos xa sabes a que eran condenadas as bruxas.

"Las damas silenciosas" está tan ben escrita que un dos mellores motivos para abrir as súas páxinas é que se le con moita facilidade, que é tan amena que, aínda que non queiras, vaite enganchando capítulo tras capítulo e desexando que non remate nunca. Á pesar de que non está catalogada como unha novela histórica, porque é unha simple historia dunha muller, iso si, infatigable, activa, aí está parte da historia de hai dous séculos. Novela escrita de forma sinxela pero con perspectiva de ensinar, de deixarlle a mente ó lector bulindo para que se interese polo máis alá do que se conta.

Como todos os que empezan e como xa teño analizado nestas Testemuñas da Memoria, o gran hándicap, o gran viacrucis, o gran atranco literario (ata pode que incluso máis que a propia escritura de calquera obra) é a súa publicación, a loita que ten que levar o escritor, o autor co mundo editorial para que o seu traballo vexa a luz. "O mundo editorial é moi difícil", acabou confesando Eloy. E créoo a pé fixo.

Eloy Gayán Rodríguez naceu en Oviedo en 1964. Realizou os seus estudos nos Maristas da súa cidade. E tamén nesta fixo os universitarios, onde se licenciou en Dereito no ano 1988 para cinco anos máis tarde obter xa o título de doutor nesa materia. Foi no 1993 cando se desprazou á Universidade da Coruña para obter a praza de profesor titular de Dereito Internacional Privado, que segue ocupando na actualidade. E foi decano desta facultade de Dereito desde 2005 ata 2008, que o pillou co cambio do plan de estudos de dereito, que databa de 1953, ó chamado sistema Bolonia.

Como anécdota particular conta que foi "a miña paixón pola literatura" a que case lle pon en perigo a súa tese doutoral. Cando lle enviou os primeiro 50 folios desta tese ó seu director, este devolveullos con grandes palabras escritas en vermello e que lle dicían que "estás facendo unha tese, non literatura; é unha tese, non unha novela". Eloy Gayán, pola conta que lle tiña, tivo que adaptarse á linguaxe técnica, tivo que ocultar esa faceta literaria que lle permitiu publicar a novela que presentou na libraría Eixo. Era a terceira presentación que facía en xeral de "Las damas silenciosas".

Confesa que escribe para entreterse e porque, así, tamén se sae un chisco da rutina diaria da súa docencia. Ademais, así tamén soña. Como soñamos todos cando queremos escribir mentiras para que pensen que son verdades, ou viceversa. Confesa que non lle importa escribir con todo o barullo ó seu arredor, referíndose en concreto á súa muller coruñesa e á súa filla de nove anos cando a elas se lles dá por rebulir polo seu cuarto. Iso é digno de admiración, xa que creo que é raro concentrarse desa maneira. Estou escribindo isto ante un café (que me inspira abondo, por moito que diga que as musas chegan fincando os cóbados), pero co ruxerruxe da televisión, dunha carreira de motos que, de cando en vez, desconcéntranme algo. Claro que para iso Eloy Gayán consegue publicar unha bonita novela sobre mentiras e traidorías, e un servidor confórmase con relatiños insípidos ou reportaxes que... eu que sei, aí están. E aquí queda unha máis.