Os empresarios recoñecen cun premio a 'Frigoríficos Florindo'

Comensais na cea da Festa do Comercio, na edición de 2009. (Foto: MARTIÑO PINAL)
A Asociación Comarcal de Comerciantes e Empresarios do Carballiño (ACEC) organiza o vindeiro venres 3 de setembro a quinta edición da 'Festa do Comercio', unha xornada de confraternidade que reunirá a preto de 200 afiliados e invitados. A gala comercial desenvolverase no restaurante 'O Pote', no Parque municipal da vila, a partires das 22.00 horas, e inclúe unha cea de libre asistencia a un prezo de 20 euros.
O presidente da asociación, Adolfo Nogueira, adiantou que 'como xa é habitual nesta celebración, entregaremos o premio Azougue a unha firma empresarial que xa ten unha ampla traxectoria, tanto a nivel de postos de traballo coma proxección internacional'.

O galardón, por decisión da directiva da entidade, recaeu na empresa 'Frigoríficos Florindo e Hijos S.L.', que foi fundada hai máis de 40 anos por Florindo González Otero e na que se manteñen á fronte os seus fillos, Florindo e Jesús. Con anterioridade, iste premio, consistente nunha estatuiña de bronce, foi concedido as empresas 'Comercial Orcellón', 'Autocares Rodríguez', 'Autoservicio Pereira' e 'Confitería Cerviño', todas elas con tres xeneracións familiares na súa titularidade.

Por outra banda, a ACEC e a Concellería de Medio Ambiente do Carballiño puxeron en marcha unha campaña para a distribución de 2.000 bolsas de plástico reciclable entre os veciños do municipio, e que poden utilizarse para facer a compra. O vindeiro venres, 27 de agosto, os comerciantes instalarán unha caseta promocional na Praza Maior da vila, 'onde ás persoas que acudan con tres bolsas de plástico tradicionais lle faremos entrega dunha das que se poden reciclar', indicou Nogueira.

Te puede interesar