Enerxías limpas, a aposta de Taboadela para o aforro

Luminarias en San Xurxo de Touza, no concello de Taboadela. FOTO: ÓSCAR PINAL
photo_camera Luminarias en San Xurxo de Touza, no concello de Taboadela. FOTO: ÓSCAR PINAL

O proxecto “Dus 5.000” de Taboadela quere reducir o gasto corrente municipal cun investimento de 1,2 millóns 

O Concello de Taboadela aposta polas enerxías limpas para reducir os gastos correntes do concello e “adaptar os nosos consumos ao século XXI”, subliñou o alcalde do municipio, Álvaro Vila. Vila reuniuse esta semana coa parlamentaria ourensá no Congreso dos Deputados, Uxía Tizón, para tratar esta iniciativa, que se enmarca dentro do proxecto “Dus 5.000”, unha liña de axudas para investimentos a proxectos singulares locais de enerxía limpa que está financiado con fondos Next Generation.

Este proxecto, presentado hai meses, contaría cun investimento de 1,2 millóns de euros e está actualmente en fase de valoración. Tizón transmitiulle ao rexedor que espera que “no primeiro trimestre do ano se resolva este trámite para poder proceder a concesións da subvención”. Pola súa banda, Vila sinalou que se trata “dun proxecto moi ambicioso que conta con cinco puntos de actuación para mellorar a eficiencia enerxética”.

Este proxecto recolle cinco actuacións concretas para Taboadela:

  • Redución da demanda e o consumo enerxético en edificios e infraestruturas públicas, co illamento térmico de todos os edificios municipais na busca de eficiencia enerxética.
  • Instalación de xeración eléctrica renovable para o autoconsumo, colocando paneis solares en infraestruturas clave do municipio como son o polideportivo e o centro de saúde.
  • Instalación de xeración térmica renovable e redes de calor e frío.
  • Loita contra a contaminación lumínica, cambiando toda a iluminación dos edificios públicos a LED.
  • Mobilidade sostible no Concello, onde se contempla a adquisición dun vehículo eléctrico municipal e a instalación dun punto de recarga para este tipo de coches.

Te puede interesar