Universidad

O equipo decanal de Historia seguirá seis meses en funcións

Susana Reboreda leva dous mandatos consecutivos á fronte da facultade.
photo_camera Susana Reboreda leva dous mandatos consecutivos á fronte da facultade.
O prazo de presentación para as eleccións pechouse onte sen ningunha candidatura nomeada

O actual equipo decanal da Facultade de Historia continuará en funcións un máximo de seis meses ó non presentarse ningunha candidatura durante o prazo de presentación iniciado o pasado decembro e que onte mesmo concluíu. Encabezado pola profesora titular de Historia Antiga Susana Reboreda, son dous os mandatos que o actual equipo estivo á fronte do centro, un periodo qu edeixa un balance "moi positivo" para eles. Xunto a ela, manteranse en función o vicedecano Adolfo Fernández e a secretaria Josefina Cadilla. "Dado que a día de hoxe a facultade ten o número de alumnas e alumnos necesarios para que haxa dous vicedecanos, a idea é ampliar este equipo cun novo vicedecanato", explica a propia Reboreda.

Sobre o seu tempo como decana de Historia, salienta que "os obxectivos previstos tanto no primeiro como no segundo mandato practicamente se cumpriron todos". Entre eles subliña a importancia que tivo lograr incrementar o número de estudantes (na actualidade 229 en total) e superar as cifras esixidas pola Xunta para garantir a viabilidade dos seus estudos. Ademais, apunta como nestes anos se conseguiu "pór ao día todos os asuntos de calidade, estando a día de hoxe o centro certificado e todos os títulos acreditados, sen ningún procedemento pendente". 

Outra das liñas de traballo destacadas nestes seis anos, engade, foi "a visibilización da facultade na sociedade a través dunha serie de actividades propostas non só polo centro senón por todo o profesorado". Xunto a esta visiblización, indica a profesora do campus de Ourense, neste período fíxose fincapé "na nosa vinculación coa contorna", poñendo como exemplo os convenios de I+D realizados con diversos concellos. Polas circunstancias especiais derivadas da covid-19, Susana Reboreda subliña ademais como no último ano o reto máis importante foi dar resposta á situación provocada polo coronavirus. "Durante a pandemia conseguimos continuar coa actividade seguindo todos os regulamentos", comenta a decana, que lembra como "un dos lemas é que a pandemia non nos pare, tratando de non parar ningún dos nosos proxectos, buscando alternativas".

A consecución destes obxectivos, subliña Susana Reboreda, "foi posible grazas á participación de toda a comunidade universitaria, tanto o persoal docente e investigador, como o persoal de administración e servizos como o alumnado". A previsión do equipo decanal en funcións para o novo período dun máximo de seis meses que se abre agora é "manter os proxectos anteriores, dar continuidade ao que vimos facendo ata o de agora".

Te puede interesar