Literatura

Antón Riveiro: "Escribir sobre unha guerra é intervir nela, e eu posiciónome no bando das vítimas"

O autor Antón Riveiro Coello.
photo_camera O autor Antón Riveiro Coello.
O escritor ourensán, gañador do Premio Torrente Ballester 2019, presentou a súa obra  'O paraíso dos inocentes'

Antón Riveiro é o gañador do Premio Torrente Ballester 2019, un recoñecemento coñecido por impulsar a carreira de quen o recibe. O escritor, natural de Xinzo de Limia, presentou a súa obra 'O paraíso dos inocentes', unha novela testemuñal sobre a Guerra de Siria. A través de tres protagonistas, situados nos diferentes bandos bélicos, o escritor posiciónase no lado das víctimas e relata en primeira persoa un sufrimento actualmente case silenciado para Occidente. 

Como recibe este premio?

Levaba 20 anos sen presentarme a ningún concurso e este ano tiven sorte. Síntome moi reconfortado, no ano 99 fun finalista do Torrente Ballester e non gañei por un voto, aínda que foi unha oportunidade para fichar por Galaxia.

Non é a primeira vez que trata temas bélicos, por qué esta recorrencia?

Teño un proxecto de facelo en catro obras. A diferencia da 'Laura no deserto' e 'As rulas de Bakunin', esta vez decidín centrarme nun conflito actual que todavía está en activo. Hai xente que opina que escribir sobre guerras é algo de nostálxicos pero en realidade son neses espazos límite cando xorden as grandes historias, cando o ser humano amosa o peor e o mellor de si mesmo. Neste caso eu estaba en Bruselas en 2016, e por escasas cinco horas non me vin afectado polo atentado terrorista que houbo no aeroporto. Vivir a conmoción da cidade fíxome pensar na conexión que había entre os atentados terroristas coa guerra que se estaba desenvolvendo en Siria, e quixen contala desde dentro.

Como levou a cabo o proceso de documentación?

A novela está moi pegada ao xornalismo, un xornalismo desesperado, en carne viva, das persoas que informan da guerra. Tiven a dificultade de que como Siria está en guerra non hai posibilidade de coñecer o territorio, así que estiven moi apegado a toda a información que viña do periodismo que se facía alí, sobre todo porque xa hai poucos correspondentes. Ademais desas reportaxes, escoitei a testemuña das persoas que sufriron, porque a novela está baseada en xente real que agora está refuxiada en Holanda e me contaron a historia, sobre todo a fuxida tráxica cara o mar desde a saída de Alepo e o conflicto, ata a loita por chegar a Europa que para eles é o paraíso. Foi un proceso moi doloroso. Non deron o seu nome por medo as represalias.

A sociedade occidental perdeu a sensibilidade con estes temas?

Non queremos pensar nestes temas. Precisamente, esta novela quere poñer os pes na realidade da xente e que sexa un impulso para valorar as cousas que temos. As  persoas coas que falei estaban ata hai pouco vivindo unha situación normal, era xente que tiña traballo e fillos. Tendemos a pensar que a democracia e a paz que temos nós están perfectamente asentadas, pero iso non é así. A violencia que nos chega a través de videos remata dalgunha maneira por anestesiarnos e a xente cansouse de ver esas imaxes, de consumir información coma se fose un produto calquera. De feito, cando nos falaban dos mortos parecía que nos estaban dando resultados dun partido. Só reaccionamos algunha vez, como cando ao neno sirio morto na praia. Os vídeos que envían desde a guerra non teñen a intención de facernos chorar, senón de que actuemos. Dalgunha maneira Occidente tardou moito en facelo, só cando se interpretou que o yihadismo era unha ameaza para nós.

Ten remedio o pasotismo europeo?

Os intereses que hai por parte dos estados é manter as súas fronteiras, non repartirse os refuxiados e seguir un proceso moi egoista para que continúe a política de contención, non importa ter a persoas en condicións infrahumanas. É unha derrota de Occidente. Ademais, os galegos deberíamos ser especialmente conscientes dado o noso historial migratorio durante a Guerra Civil, moitos países nos acolleron e agora pechamos a porta a quen fuxe da miseria.

Vostede por que escribe?

É o mellor que sei facer, unha vocación. Escribir sobre unha guerra é tamén intervir nela, é loitar contra a propia guerra como mensaxe antibelicista. Neste caso a miña posición non está cos bandos, senón que está coas vítimas, cos valores da humanidade e a dignidade das persoas.

Que influencias do seu Xinzo natal porta a súa literatura?

A miña paisaxe da infancia vai acompañarme toda a vida, e inflúe moito na miña maneira de contar. Eu escribo primeiro para os que son de Xinzo porque teño a impresión de que como poden ter un pasado similar ao meu, comprender do que falo.

Te puede interesar