ARTE ET ALIA

Escultores ourensáns facendo camiño

Acollen as salas de exposicións temporais do Museo do Pobo Galego a presenza en exposición dos artistas da Real Academia Gallega de Bellas Artes (RAGBA). Aquí, no antigo convento Dominico da Orde dos Predicadores, está a vella e renovada institución centenaria coruñésa a predicar co exemplo con “Facer Camiño”. Eis unha oportuna colectiva co patrocinio do Xacobeo_2021 da Xunta e a súa consellería de Cultura e Turismo. Seu cartaz está firmado polo presidente e pintor Quintana Martelo, coa “frecha marela”, símbolo ideado para o renacer contemporáneo do “Chemin” polo párroco do Cebreiro, o gran Elías Valiña, e que dende a Asociación de Amigos do Camiño de Santiago (AGACS) contribuímos a espallar por toda Galicia logo de constituírmos como asociación fai máis dun cuarto de século nunha fermosa xornada ecuménica no mosteiro cisterciense de Sobrado dos Monxes por un feixe de tolos estudosos e amantes das raíces do noso chegados das catro provincias. O propio Quintana fíxoo o pasado ano, e non era a primeira vez.

Dilo xurde o seu óleo do Hospital do Órbigo (León), imaxe datada con precisión de vademecum o 9 de agosto de 2019, pintada na corentena de marzo. E a xoven “Camiñanta” de costas, debuxada sobre seis follas de papel, dúas a dúas sobre o cabalete. Hai outras vinte e unha obras, as das inmensas chairas de Tierra de Campos ou Palencia (Carrión de los Condes), fotografías de Xurxo Lobato; e as esculturas metálicas “Sendeiros, son as pisadas” e “Son de máxicas pegadas” da gran dama da escultura galega, a noiesa Soledad Penalta, sendo as da viguesa Menchu Lamas pinturas de cores que respiran. Completan o elenco Din Matamoro, Miguelanxo Prado, Manolo Paz, Xosé Díaz e Rafael Úbeda. Mais sendo Academia das Artes, onde está a música?, tan representativa e necesaria e tan explícita..., u-la arquitectura?, cos seus edificios senlleiros para os peregrinos a través dos tempos..., u-la arqueoloxía do territorio de cadanseu camiño?. Estase a promover nas principais cidades galegas, dende os baixos do vello inmóbel da Academia, pasando por Tui, Cee, Lugo e Vigo, até agora no ex-convento de Bonaval, extra radio da milenaria cidade do Apóstolo. Pasará por Pontevedra, Ourense, Ferrol e Mondoñedo. 

Os escultores de Ourense na colectiva académica 
Os nosos artistas na Academia exprésanse na disciplina plástica da escultura. O patrucio é Manuel Vázquez de Buciños (n.1938), o único supernumerario dela. Acisclo Manzano Freire, o derradeiro do núcleo fundacional dos “Artistiñas” nado arredor de Vicente Martínez-Risco, presenta dúas douradas cabezas de muller, tan simbólicas, atemporais e suxestivas. Ignacio Vázquez Nóvoa-Basallo, máis novo, da xeración dos oitenta, foi quen de procurar na súa iconografía dúas obras alusivas do feito xacobeo: unha estilizada peza de castiñeiro de 2004 coa cuncha, ou mais ben sombreiro de viaxe; e na outra en madeira de sapelli con gasas e corda, de 2019, unha forma con semellanzas das históricas pera/perarum, en latín, os zurróns de peregrino de tallas e estatuas, caso da do Santiago do claustro de San Francisco. A mostra está trufada de citas literarias, do Dante do “Dolce stil nuovo”, García Lorca ou Vicente Risco. Reveladora.

Te puede interesar