La Región

ARTE ET ALIA

Esculturas nas calores do verán

O escultor Acisclo Manzano ben de culminar o seu demorado desexo por anos de chantar a obra homenaxe ao Pan de Cea, logo de estar rematada e gardada, na capital do concello no que vive

Escultura do pan de Cea, autor Acisclo Manzano.
Escultura do pan de Cea, autor Acisclo Manzano.
Esculturas nas calores do verán

No Agosto Arousán os intensos días de calor e choivas esporádicas axudan a medir o tempo. E tamén as novas de Ourense, que lemos en La Región, arume cotiá dos días. Entre as do campo da plástica artística, aboian as da nobre arte da escultura. Unha delas é ‘Popi’, que está sendo refeita logo da perda do seu rabo-brocha. A rechamante vaca rosa da Praza de Paz Nóvoa, da autoría do pintor mallorquino Leandro Sánchez, cuberta por retais xeométricos de cores e do logotipo da Fundación Cum Laude en destaque, fíxonos lembrar un artigo do gran Vicente Risco no que lle pedía perdón as vacas abstractas, xustificándose en que todo arte é abstracto: como esta vaquiña concreta, inserida no millo urbano das terrazas familiares como mobiliario, contra a que se cargou con aleivosía. Unha vaquiña que é abstracta, malia todo, pois como é coñecido as de verdade ralean nos lameiros.

Distinto é o caso da peza de Dona da que é autor o Xosé Cid e que foi reintegrada nos pasados días na micro-glorieta a carón do Audiorio. Contra ela batera un coche ao pouco tempo de ser trasladada dende a praciña de Paz Nóvoa, logo do seu arranxo fai uns anos. O pouco apropiado do emprazamento escollido en comparanza co que tiña, onde estivera durante décadas, tan tranquila ela, centralizando o espazo dedicado ao ilustre docente e escritor decimonónico ourensán, amigo de Lamas Carvajal e Curros, ao que defendeu como avogado no seu famoso proceso contra a censura eclesiástica episcopal.

Acisclo 

O escultor Acisclo Manzano ben de culminar o seu demorado desexo por anos de chantar a obra homenaxe ao Pan de Cea, logo de estar rematada e gardada, na capital do concello no que vive: alí está, a un lado da praza urbanizada para a ocasión no barrio de San Lourenzo, agora da Saleta pola capela que ocupa a Virxe dende fai cen anos. Polas súas recorrentes formas escultóricas, tan similares a outras obras, e polo idéntico soporte-pedestal do seu Cristo, a 300 metros escasos, revela un esgotamento expresivo; mais tamén podería verse neste exceso de protagonismo un aceno de cariño cara o vello artista, capitalizando o seu recoñecemento dende o seu penúltimo abano plástico. Por outra banda, a vila gaña unha praza máis aínda que, como as outras, a penas humanizada. 

Mentres, na costa, onde conclúo os días de lecer entre lecturas, vexo medrar o verde millo dende a miña fiestra que xa tapa os baixos das casas. Aquí en Rianxo (A Coruña), síntome como na casa, acompañando á Rianxeira, magnífico monumento do que é o autor Manolo de Buciños. Convertido no seu moderno símbolo na praza da Ribeira, entre Rosalía e Manuel Antonio, foi estragado no seu pedestal fai uns días. Arranxarao o concello antes das festas setembrinas da Virxe moreniña? Malia o cantado do suceso, xa vaticinado denantes da súa inauguración, como a da Praza Paz Nóvoa, as esculturas son para as prazas. Elas son destes espazos, nos que vive a xente.