ENTREVISTA

"Esforzarémonos para que as persoas retomen a súa vida cun emprego digno"

Felipe Ferreiro, presidente da Cruz Vermella (JOSÉ PAZ).
photo_camera Felipe Ferreiro, presidente da Cruz Vermella (JOSÉ PAZ).
Felipe Ferreiro é o presidente da Cruz Vermella Ourense e analiza a situación da entidade coa crise sanitaria

A pandemia non só trouxo consigo unha crise sanitaria, tamén unha social. Cruz Vermella, ao igual que outras entidades, liderou a resposta que se lle ofreceu ás persoas que máis o precisaron nos momentos duros do confinamento. Felipe Ferreiro, presidente da Cruz Vermella na provincia, recorda eses tempos "frenéticos" onde a forma de traballar cambiou, pero tamén o "extraordinario" comportamento da sociedade ourensá que colaborou activamente.

Agora, no medio da segunda onda da pandemia, as perspectivas para o futuro non son as mellores, pero Cruz Vermella estará preparada para apoiar a quen lle faga falta, como xa o fixeron con "máis de 12.000 persoas" durante a primeira.

Como viviron o inicio da pandemia? 

Comezamos o operativo do Plan Cruz Roja Responde o 11 de marzo e, dous días despois, tiñamos todo funcionando porque se vía o que viña enriba. A partir de aí, ata case finais de abril, a actividade  foi moi intensa porque as persoas non podían saír das súas casas, especialmente as maiores. Aquelas que non tiñan unha rede de apoio familiar atopáronse desesperadas, polo que actuamos cos voluntarios para poder atender a moitas persoas nas súas casas que necesitaban o básico. Foron case dous meses moi intensos.

A situación condicionou a forma de traballar. 

Ó noso voluntariado, moito con máis de 60 ou 70 anos, dixémoslle que non podían estar activas polo risco. Logo, fixemos un chamamento para captar voluntarioado novo e tivemos unha resposta moi boa. De feito, a finais de marzo, xa contabamos con 300 voluntarios, que estiveron ó pé para achegarse a onde fixese falta e cubrir as necesidades de quen o pedise. Moitos casos foron de persoas sen recursos, polo que se tivo que traballar axiña para cubrir o básico como alimentos ou produtos de hixiene.

Que obxectivo inicial se marcaron?

Tivemos claro que tocaba recadar fondos para atender a toda persoa que estivese en situación de necesidade, fose usuario de Cruz Vermella ou non. Tiñamos seguro que ninguén ía quedar sen o básico. 

Cal foi o perfil de demandante na primeira onda?

A maioría dos casos que non eran usuarios de Cruz Vermella contactaron con nós, que nos mantivemos activos todos os días da semana para darlle resposta a quen o precisase, incluso domingos pola mañá e festivos. Déronse moitos casos de xente maior e familias con nenos, chamando principalmente mulleres, algo que é moi significativo. Moitos deles estiveron traballando en economías somerxidas e, de repente, víronse sen nada. Outros con emprego tardaron en percibir os ERTE e quedaron en pouco  tempo sen ter para o básico.

As perspectivas que manexaban quebraron en pouco tempo. 

Calculouse un orzamento de 14 millóns de euros para o Plan Responde. Comezaron algúns deportistas como Pau Gasol, Fernando Alonso ou Rafa Nadal, entre outros, a unirse e axudou que a resposta fose extraordinaria. As previsións logo se viron superadas e fixo falta máis, chegando aos 24 millóns de gastos ata xuño. A nivel provincial tivemos colaboracións coa Deputación e tamén doutras institucións privadas que se sumaron economicamente ou con alimentos como no caso de Coren, Aceites Abril ou Bodegas Gallegas con litros de auga. Tamén contamos con aportacións particulares que sumaban, fosen máis pequenas ou grandes.

Que cifras de actuación manexaron na provincia?

Dende o 15 de marzo ata o 30 de setembro, na provincia atendéronse a máis de 12.000 persoas con cerca de 60.000 intervencións. Chamamos a unhas 10.000 para avisalas das medidas de prevención ou para saber se lles facía falta algo, especialmente cos socios maiores. En canto á entrega de alimentos ou de vales para compralos, demos cobertura a unhas 4.000 persoas. O operativo montouse en cuestións de días e, mentres non se recadou diñeiro, afrontámolo cos nosos propios fondos.

Logo a cidadanía respondeu á súa chamada...

Amosouse a solidariedade da nosa poboación, que aínda segue. Cando hai problemas como este, institucións como a nosa teñen que estar aí para axudar a quen se atopa nunha situación de vulnerabilidade.

Teñen previsto ampliar o Plan Cruz Roja Responde? 

No verán montouse un plan de recuperación pensando en que a pandemia iría remitindo, quedando outra económica. A idea era telo ata decembro para poder apoiar ás persoas con cursos de formación en empregos con mellores saídas laborais. Isto é difícil para todos, pero aínda máis para a xente coa que traballamos. Coas restricións que se impuxeron, tivemos que modificalo todo e reorientalo. Que se prolongue ao ano que vén dependerá de como se atopa a situación da pandemia, con perspectivas nada boas.

Por que son malas? 

Moitas persoas con traballos precarios pode que non recuperen os seus postos cando a situación mellore, polo que nos próximos meses teremos que esforzarnos nese eido para que dispoñan dunha oportunidade de retomar a súa vida cun emprego digno.

Toca traballar para que non sufran sempre as mesmas persoas cando haxa unha crise? 

Xa había desigualdades e agora vanse incrementar. Isto ten que ser unha actuación global dos gobernos e da sociedade para que as persoas poidan dispoñer dun mínimo de vida digna en todos os sentidos. Se eles melloran, faino toda a sociedade en xeral. Con esa perspectiva, estaremos preparados para calquera situación que nos veña.

Que se pode aprender de toda esta situación? 

Hai que pensar que no fondo todos somos moi vulnerables e que debemos ser máis solidarios e pensar nos demais, porque todo o mundo ten dereito a unha vida digna e iso redundará en todo o que é a sociedade. Somos persoas humanas, polo que debemos practicar máis a humanidade e a solidaridade para que esta se volva igualitaria para todos. 

Te puede interesar