Esixen obras contra o deterioro na liña ferroviaria Ourense-Vigo

Na moción dos senadores galegos, presentada para o seu debate na comisión de transportes, reflíctese que esta liña data de 1881, sendo construída xa "con moitas estreitezas orzamentarias"

Os senadores populares das catro provincias galegas esixen ao Goberno central, mediante unha iniciativa parlamentaria, a actuación urxente na liña ferroviaria Ourense-Vigo, co obxectivo de "rematar coa precariedade, acometendo as imprescindibles obras que acaben co deterioro e a inseguridade que sofre esta conexión", destacou o senador ourensán Jesús Vázquez. 

Os populares reclaman a implicación e o compromiso do Goberno coa mellora e modernización da conexión ferroviaria do Miño, "evitando así as constantes incidencias provocadas pola falta de mantemento, demostrando unha vez máis a súa inseguridade e que a conexión entre Ourense-Vigo é impropia do século XXI".

Na moción dos senadores galegos, presentada para o seu debate na comisión de transportes, reflíctese que esta liña data de 1881, sendo construída xa "con moitas estreitezas orzamentarias". O seu abandono, engaden, está a provocar "un alarmante número de problemas, case continuos, na principal conexión en tren entre Vigo e Madrid", engaden. 

Neste sentido, Vázquez lembra as últimas incidencias ocorridas en Frieira (Crecente), unha durante o pasado decembro e outra máis este mesmo mes ao abrirse unha gran focha. "Nesta situación, os viaxeiros atópanse na obriga de facer transbordos por estrada xusto cando o traxecto pola autovía A-52 ten pechado o túnel do Folgoso en sentido Ourense, aumentando en máis de media hora o percorrido", critican. 

Te puede interesar