TRIBUNA

A estación de autobús intermodal, radical mellora para Ourense

A idea da execución da Estación Intermodal de Ourense remóntase ao ano 2011, cando o Ministerio de Fomento, a través do Administrador de Infraestructuras Ferroviarias (ADIF), presentou un proxecto íntegramente deseñado polo arquitecto británico Norman Foster. Ese mesmo Ministerio de Fomento, en novembro de 2012, tras o anuncio da aprobación dun plan racional de estacións ferroviarias, que “adapte as infraestruturas ferroviarias ás necesidades reais de cada caso, fuxindo dos proxectos sobredimensionados e ineficientes, que son infrautilizados”, deu por rexeitada a execución do deseño orixinal de Norman Foster.

Con todo, iso non supuxo renunciar a que Ourense tivese estación intermodal. De feito, anos despois, en 2016 formalizouse un convenio marco de colaboración entre o Ministerio de Fomento, a Xunta de Galicia, o Concello de Ourense e ADIF-Alta Velocidade para a execución e desenvolvemento por parte da Administración autonómica de Galicia da nova estación de autobuses, nos terreos transmitidos polo Concello de Ourense e ADIF-Alta Velocidade, resultado do convenio urbanístico entre o Concello de Ourense e a Rede Nacional de Ferrocarrís Españois, asinado en 1998.

Estes terreos sitúanse nunha parcela contigua á estación ferroviaria, permitindo unha conexión directa coa estación de tren, facilitando así a mobilidade e minimizando os percorridos dos viaxeiros á hora de cambiar de modo de transporte.

A configuración da nova terminal de autobuses como unha ampliación da estación de tren existente permite que a intermodalidade cidade-tren-bus se realice ao mesmo nivel, permitindo o cambio de modo tren-bus nun percorrido continuo inferior a 100 m, o que simplifica e optimiza os fluxos de viaxeiros.

Coordinación

A articulación arquitectónica que garante a conexión tanto no interior coma no exterior levouse a cabo coa coordinación entre as Administracións implicadas, realizándose de maneira dinámica e continua, acadando como resultado final un proxecto conxunto integrado para a estación intermodal de Ourense.

En relación ao centro de saúde existente, cabe destacar os condicionantes da súa situación antes do inicio das obras, atopándose limitando co peche das instalacións ferroviarias, nun antigo espazo ferroviario liberado no seu día ao fin de dotar á cidade do citado equipamento e rodeado por un supermercado e un área de aparcadoiro que xeran moito movemento de carga-descarga e de usuarios e que conta cun acceso rodado situado ao leste do equipamento sanitario. 

Con respecto á situación anterior, co proxecto da estación intermodal en execución, redúcese a frecuencia de paso de vehículos polo acceso rodado do leste do centro de saúde, grazas á eliminación do supermercado e do aparcadoiro, así como a ocupación de tráfico rodado na contorna do mesmo. Agora este acceso limítase a autobuses (transporte colectivo) en lugar de turismos, e amplíase o espazo de transición entre o centro de saúde e as infraestruturas de transporte de viaxeiros, xerando unha área axardinada de arredor de 15 metros de ancho e 1.000m2 de superficie con árbores entre ambos os dous equipamentos públicos. 

Isto é grazas a que o ámbito da estación de autobuses desprázase cara ao orte, afastándose máis do centro de saúde, mediante a ocupación do espazo a liberar das vías 1 e 3 da estación de tren.

Calidade do espazo público

Xunto co anterior e mais coa execución do aparcadoiro soterrado baixo a praza da estación, mellórase significativamente a calidade do espazo público da contorna do centro de saúde, mediante a minimización do tráfico rodado en favor da mobilidade non motorizada. 

En concreto, o espazo existente destinado ao tráfico rodado e aparcadoiro tanto na praza da estación como na contorna inmediata do centro de saúde é na actualidade de arredor de 6.400m2. A actuación proposta recupera uns 3.600m2, máis da metade desa superficie, para uso exclusivo de peóns e axardinamento.

Grazas a isto, pásase da situación actual na que o centro de saúde está en contacto directo cun aparcadoiro e zonas de carga e descarga de vehículos de servizo, a unha situación futura que mellora significativamente a existente, mediante a integración dos equipamentos (centro de saúde e estación intermodal), cunha zona de transición entre ambos de arredor de 15 m de ancho, o soterramento do aparcadoiro de vehículos e a recuperación da praza da estación a carón do centro de saúde.

En canto ao que supón para a rúa Eulogio Gómez Franqueira a situación da estación intermodal, pola súa propia definición funcional, a unha estación intermodal de transporte público deben acceder os trens, os autobuses e os vehículos dos usuarios, e preferiblemente a través das principais vías urbanas, como é o caso da rúa Eulogio Gómez Franqueira. Para facelo en condicións de seguridade e funcionalidade adecuadas, prevíronse as medidas necesarias por medio da configuración adecuada dos accesos á praza da estación, ao aparcadoiro subterráneo e á estación de autobuses.

Incidencia do tráfico

A incidencia do tráfico de acceso á estación intermodal (tanto de autobuses como de vehículos lixeiros) sobre a rúa Euloxio Gómez Franqueira, foi analizada en detalle nos estudos previos, mediante a realización dun estudo de tráfico de detalle, incluíndo aforos en todas as interseccións e principais vías do contorno da estación, e modelizacións coas ferramentas máis avanzadas na actualidade para este tipo de microsimulación. Modelizáronse os fluxos de tráfico na rede viaria e as interseccións e accesos, na situación actual e na futura (incluíndo o acceso de autobuses regulado por semáforos e o incremento previsto dos tráficos) para analizar o impacto sobre o tráfico, concluíndo que a incidencia do tráfico da estación intermodal sobre a rúa Euloxio Gomez Franqueira é insignificante, sen supoñer en ningún caso unha perda de fluidez do tráfico da contorna.

A propia implantación na cidade de Ourense dunha estación intermodal de transporte público (conformada por terminal ferroviaria, de autobuses, aparcadoiro subterráneo, praza central e o conxunto de servizos ao viaxeiro), constitúe en si mesma unha mellora radical para a mobilidade sustentable na cidade, toda vez que potencia o transporte público fronte o privado.

Te puede interesar