Estraviz: “Debemos loitar con paixón pola nosa lingua”

photo_camera Un recoñecemento para a súa defensa do galego
A Deputación homenaxeou ao lexicógrafo de Trasmiras coa Medalla de Ouro da provincia 

Isaac Alonso Estraviz (Vilaseca, Trasmiras, 1935) leva máis de 40 anos engadindo entradas ao seu Diccionario da Lingua Galega. Coñécese como “O Estraviz” ou, na versión dixital, o “e-Estraviz”. “E 40 anos parécenlle poucos. É o proxecto máis ambicioso dun diccionario en galego, son máis de 150.000 entradas, algo insólito na lexicografía. Non podemos perder esta riqueza”, defendeu a catedrática de Filoloxía Española da UVigo María do Carmo Henríquez, que foi a encargada de ler a laudatio a favor do lexicógrafo reintegracionista ao que a Deputación de Ourense lle entregou onte a Medalla de Ouro da provincia, a máxima distinción que outorga o organismo provincial. 

Estraviz amosou o “orgullo que sentín sempre de nacer nesta terra, toda a miña vida me sentín orgulloso de ser galego e sempre fixen todo en galego”. María do Carmo Henríquez definiuno como un “elo máis na cadea de reintegracionistas ilustres”. 

Estraviz comezou agradecendo o recoñecemento a seus pais, irmáns, ao pai Plácido que o recibiu no mosteiro de Oseira e, por extensión, “aos reintegracionistas que fomos marxinados na nosa terra, considerados galegos de segunda”.

De aldea en aldea

O lexicógrafo contou anécdotas como aquela alumna á que a profesora lle recriminaba que unha palabra non existía ou que estaba en portugués. “Claro que é galego, búsquea no Estraviz xa verá como aparece”, defendía a rapaza. O lexicógrafo falou das persecucións, de cando leu a primeira tese en galego que se leu na Universidade de Santiago cando todo se facía en castelán e das propostas que rexeitou para facer os seus propios proxectos. Un deles, ese diccionario que é patrimonio de tódolos galegos. “Aínda que hoxe queren barrernos do mapa, debemos loitar con paixón pola nosa lingua”, dixo. “Unha norma ortográfica é unha maneira de vestir as palabras. Unha persoa ás veces véstese dunha maneira e ás veces doutra, mesmo pode acontecer que no mesmo día cambia, pero iso non é cambiar de personalidade”, explicou para facer reflexionar sobre as súas ideas e sobre que “cando se fala da unidade galego-portuguesa, óllase de maneira diferente. Hai que respectar”. 

O lexicógrafo falou por último da recolla lexicográfica que fixo aldea por aldea en Trasmiras e Cualedro: “O rural, o noso pobo, é lingüística e culturalmente moi rico”.

Tolerancia

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, valorou a “grandeza de corazón, integridade como cidadán e tolerancia de Estraviz, que viviu unha infancia campesiña marcada pola Guerra Civil e nada do seu entorno lle foi alleo. O neno labrego tiña presente a súa orixe”. Baltar destacou ao intelectual como “exemplo de ourensanía”. A institución acordou por unanimidade en 2019 concederlle a Medalla de Ouro pola súa defensa do galego e da cultura galega. 

Ao acto acudiron o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o alcalde de Trasmiras, Luciano Rivero; o alcalde de Cualedro, Emilio Pazos; a alcaldesa de Allariz, Cristina Cid; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; así como senadores, deputados provinciais, representantes do mundo da cultura, familiares e amigos de Estraviz.

Te puede interesar