ENTREVISTA

Etelvino Blanco: "A todo o mundo lle digo que o sindicalismo dignifica ás persoas"

mtp5792SS_result
photo_camera Etelvino Blanco.

Natural de Señorín (Carballiño), Etelvino Blanco pechaba o pasado verán toda unha vida -40 anos- vinculado á loita sindical, un periplo vital que lle era recoñecido onte cunha comida-homenaxe na sé de Aixiña á que acudiron compañeiros da loita sindical, amigos e familiares.

Como comezou na loita sindical?

Tras traballar en dúas empresas, dediqueime plenamente ao labor sindical no que permanecín 40 anos, promovendo o nacemento do sindicato en Carballiño e Ourense. Ademais, vivín as primeiras folgas de finais dos anos 70, as dos sectores da construción e a madeira e as dúas protagonizadas polo sindicalismo nacionalista.

Cal foi o momento máis crítico de todos eses anos de loita sindical?

Foi en 1989, co peche de Citroën en Ourense, e foi moi importante por dúas razóns, a primeira delas porque se acabou o sindicalismo amarelo que tiña a maioría de representación na empresa; foi cando entrou o sindicalismo de clase. Protagonizóuse unha loita polo emprego dos seus 500 traballadores tras anunciarse o seu traslado a Vigo e logrouse que aceptasen a nosa proposta de trasladalos a Vigo ou Labauto coas súas condicións intactas, cando en principio só querían recolocar a uns 100 traballadores en Faurecia. O outro aspecto, negativo, foi a desaparición da empresa de referencia do Polígono de San Cibrao e da provincia, un golpe moi duro para a industria e o emprego provincial porque non só foron os postos directos senón tamén os indirectos, e a nivel sindical, perda de afiliación. 

Cal foi o peor momento?

Algo que me afectou moito foron os conflictos internos do sindicato, algo que sempre detestei; para min é o máis frustrante e ás novas xeracións recoméndolles que o eviten. Cando en 1997 se me cuestionou a min e ós meus compañeiros a dirección do sindicato foi moi doloroso. Fóra do réxime interno do sindicato, tamén houbo momentos moi duros. Lembro, por exemplo, o conflicto de Pinturas César, que un dos traballadores, en plena loita, e tras acudir tódolos días coa pancarta a manifestarse, suicidouse; afectoume moito.

E o mellor momento ou recordo?

O máis importante é o feito de que lle dei á CIG todo o que podía, pero teño que dicir que para min é a miña segunda familia. Iso é o máis positivo de todo. A todo o mundo lle digo que o sindicalismo dignifica ás persoas. Cada vez que conseguía salvar un posto de traballo ou algunha mellora laboral era o home máis feliz . 

Te puede interesar