ARTE ET ALIA

A exposición que conmemora o centenario da Ponte Nova

La Molinera. Ponte Nova.
photo_camera Pormenor da exposición con O Carrabouxo. Xoán Baltar e Miguel Robledo.

As paredes de formigón da Molinera locen coa exposición de cadros da ponte de ferro, unha iniciativa do diario La Región de conmemorar os cen anos da súa inauguración

As paredes de formigón da Molinera locen coa exposición de cadros da ponte de ferro, unha iniciativa do diario La Región de conmemorar os cen anos da súa inauguración convidando a un variado grupo de creadores visuais. Son Xoán Baltar, Macaco (Manuel Caride), Alba Fernández, Acisclo Manzano, Baldomero Moreiras, Antón Pulido, Miguel Robledo, David Rubín, Czar (César Taboada) e Xabier Varela. Ao heteroxéneo grupo, nove homes e unha muller, de diferentes idades, púxolle a guinda do pastel gráfico O Carrabouxo (Xosé Lois González), pai do primeiro artista, cunha das súas viñetas a gran escala.

Os artistas son un por década transcorrida, evocando dende a súa percepción a relevancia da vía de comunicación coa que a cidade de Ourense entra no século XX. Foi construído pola empresa J. Eugenio Rivera, de Bilbao, segundo o proxecto de Martín Díaz de la Banda, quen dirixiu a obra dende o inicio en 1910 até 1916, para continuala Miguel Fernández García, ambolos enxeñeiros de camiños, até o seu remate en xaneiro de 1918. O 20 de xuño, xoves, a ponte foi inaugurada, unindo os dous concellos, polas inmediacións da vella estación de tren.

As estruturas de pedra son de arco de medio punto, tres do lado de Canedo e un do de Ourense; e de carpanel a continuación en cadansúa beira, todos de pedra de Outariz, labrada e asentada polas brigadas de canteiros de Cotobade, Pontevedra. O gran van central que lle da o seu ser é de aceiro e directriz parabólica, con 75 metros de luz. A decoración de palmas nos piares, que levan farois de fundición, realizados en Madrid por Iglesias, e dos demais ornamentos en relevo danlle unha riqueza consonte ao modernismo. 


A exposición


Nas paredes de entrada do Centro de Innovación Dixital do concello de Ourense, espazo anovador que tenta conectar as persoas coas empresas e pymes en xeral, universidade, "startups" e administración, están as imaxes. 

A ponte é pintada soa, entre vexetación, por veces densa (Moreiras), outras máis miúda (Baltar), ou nunha vista idílica (Czar), con pescantín e todo, engaiolante cadro, o máis pequeno de todos. Uns póñena co viaducto ferroviario, outros coa ponte vella ao lonxe, Macaco e Rubín escollen o centro do río. Este fai secuencias coa xente atravesándoa sen tráfico, chova ou ventee, de día ou pola noite. Manzano, co arco como acubillo, e aloumiños sobre a rasante imaxinativa co trazo branco sobre azul. A maioría píntana dende as beiras de Ourense, agás Antón Pulido que prefire poñerse en Canedo, cara a cidade. Unha nena está a ler (Czar), e as de Varela báñanse no Miño; a parella de Robledo pasea co can de costas á ela, e a de Pulido, en aperta, está fitando para a ponte transmutada en ouro... Alba Fernández prefire potenciar ao creador da idea, o deseño creativo co grafito no papel, unha visión de arquitecta a súa. E así atinou a escribiu Cayo Julio Lacer, arquitecto da ponte romana de Alcántara, nela: Ars ubi materia vincitur ipsa sua, artificio mediante o cal a materia se vence a si mesma.

Te puede interesar