arte et alia

Exposición-homenaxe a “Sempre Xonxa” de Chano Piñeiro

O atrezista Xosé Manuel Méndez e "o Caladiño".
photo_camera O atrezista Xosé Manuel Méndez e "o Caladiño".
Rodada segundo o seu mantra “Facer cine en Galicia é posible e facer cine en galego é necesario”

Eis a produción expositiva máis rechamante do vixésimo cuarto OUrense Film Festival (OUFF), Ano II dende que o leva a Deputación. Para a gran sala baixa do Centro Cultural Marcos Valcárcel, Marta Villar, experta en postas en escena como directora de arte de cine e televisión, construíu unha mostra arredor de «Sempre Xonxa», opera magna de Luciano Manuel Piñeiro Martínez, coñecido como Chano Piñeiro (Forcarei-Pontevedra, 1954 / Vigo, 1995). Desenrolada en catro espazos baseados nos da vida, exemplificados coas catro estacións do ano, primavera ou infancia, o tempo da escola e das cometas; verán coa mocidade e xuventude, e os ledos azares na viña; no outono a madureza, emigración e fillo, e o desenlace no inverno da senectude: un arco temporal que abrangue os anos entre 1947 e 1986. Catro metáforas, máis acaídas as dúas primeiras, para unha alegoría da vida cumprida. Son un relato ben expresivo dunha fase auroral do cinema galego, que aquí se recrea en estático na exposición, e se pode ver nos tres pases diarios na sala 0, habilitada como un vello cine. Revisala á calor do OUFF_24 supón atopar entre os colaboradores a Delfín Caseiro. Na inauguración ao “Pitelos”, Xosé Manuel Méndez, en diálogo co “Caladiño”; e Mari Luz Montes Quireza, viúva do director falecido, ámbolos dous farmacéuticos de profesión, significante que da luz e contido ao significado do perfume Xonxa. Hai se falase a rebotica...! 

Rodada entre febreiro de 1988 e xuño do ano seguinte, o 25 de novembro de 2019 cumpriranse os trinta anos da súa estrea, aniversario para o que Ourense acada o Everest conmemorando aquí o primeiro longametraxe de ficción galego. Rodada segundo o seu mantra “Facer cine en Galicia é posible e facer cine en galego é necesario”, foi unha filmación centrada en Valdeorras. A este núcleo, engadíronse significadas escenas en Bustelo de Fisteus e no muiño fariñeiro do Cañero en Ponte Soldón, ámbolos nas terras de Quiroga, Lugo; e as paisaxes das Médulas e a Herrería de Compludo, co seu longo martelo pilón, en Ponferrada (León). Todo elo encaixouno Piñeiro, coa maxia da montaxe cinematográfica, no ficticio Trasdomonte, ou sexa Santoalla do Monte, Petín. E a maiores, a estación marítima de Vigo, coa carga emocional da partida cara América... As catro partes son como cuartos dunha hipotética Hora que se pecha en voo, unha historia encirrante na que triunfa o amor, nuns espazos da Galiza ourensán de lousas de xistos, coa emigración como transformación do económico máis non da alma. E supón a culminación de «Mamasunción», de 1984, rodada en Baíste e Rubillón, Avión, unha velliña que durante corenta anos vai á estafeta de correos na procura dunha carta do seu fillo emigrado. O éxito dende a súa estrea fixo que a Televisión Galega na súa primeira emisión abrise con ela. Un Ourense plató de cine xa dende «Retorno a Tagen Ata», 1974, de Eloy Lozano, pioneiro do OUFF, que naceu OFF en 1996. Miguel Ángel Fernández e Aurelio Gómez como coordinadores-factotum acadaron aquí con esta exposición sen precedentes a vera efigies da proxección de Ourense. Parabéns!

Te puede interesar