Falece, durante un acto polo Día das Letras Galegas en A Garda, o poeta Xosé Carlos Gómez Alfaro

Xosé Carlos Gómez Alfaro. (Foto: Archivo)
No día de onte faleceu o escritor ourensano Xosé Carlos Gómez Alfaro, ós 59 anos de idade, que foi gañador do Premio Cidade de Ourense no 2004, pola súa obra ‘O clamor da eclipse’, e posteriormente no 2006, por ‘Mar aberto’, sendo autor de máis de dez libros de poemas.
O escritor atopábase na celebración dun acto literario con motivo do Día das Letras Galegas no colexio Somascos, da Garda, onde traballaba como profesor, cando lle diu un infato que lle causou a morte repentina.

Nunha entrevista a La Región manifestaba que ‘síntome moi ben na poesía e creo que é o xénero onde mellor podo expresarme’. Tamén se refería a súa pasión pola escritura: ‘É algo que teño no máis fondo da alma e que me obriga a expresarme desta maneira’, e engadía que ‘o único que sei é xuntar palabras, xogar coas palabras, e é o que intento’.

Xosé Carlos Gómez Alfaro (1949) era orixinario da parroquia de Senín, do Concello de Ribadavia, aínda que residía na Garda dende fai moitos anos.

A Concellalía de Cultura de Ribadavia, que dirixe o nacionalista Anxo Collarte, apunta que ‘era unha das maiores figuras vivas das letras ribadavienses, ao contar cun amplo abano de títulos literarios publicados que o levaron a recibir importantes recoñecementos e galardóns, fundamentalmente pola súa obra poética, na que Ribadavia e o Ribeiro estiveron sempre moi presentes’.

Por ise motivo, a Concellalía de Cultura expresa ‘a súa gratitude cara a figura de Gómez Alfaro e reitera o seu pesar por esta perda’. Nese senso, Anxo Collarte anunciou que se lle renderá unha homenaxe o Día das Letras Galegas, gardando un minuto de silenzo na súa honra antes de que comece, ás 12 da mañá na Praza Maior, a lectura pública de textos de Xosé María Álvarez Blázquez. O funeral está previsto para hoxe ás 19 horas, na igrexa parroquial de Sadurnín, no concello de Cenlle.


Te puede interesar