A Tribuna

Filomena Dato, en defensa das mulleres

A infanta Sabela Francisca de Borbón visitou varias cidades galegas en 1914, entre elas Ourense. A nosa poeta era un dos elementos imprescindibles. A revista viguesa Vida Gallega incluiu unha foto na Alameda cun grupo de señoras en pé e Filomena, sentada.
photo_camera A infanta Sabela Francisca de Borbón visitou varias cidades galegas en 1914, entre elas Ourense. A nosa poeta era un dos elementos imprescindibles. A revista viguesa Vida Gallega incluiu unha foto na Alameda cun grupo de señoras en pé e Filomena, sentada.

Auriabella, considerada a segunda cidade máis literária do mundo despois do Dublin de Joyce, debería homenaxear a Filomena Dato Muruais, que destacou como feminista e poeta. Filomena Dato naceu (o 26 de xullo de 1856) e viviu en Ourense na casa nº 10 da rúa de Cervantes, propiedade da familia Gallego (Olga, Luis e Pilar) e bautizada na parroquia de San Domingos. Os seus pais foron José Dato, de Mazarrón, e Juana Muruais, de Ferrol. Tamén viviu na Praza Maior, nº 6; Vilar, 18; San Domingos, 64, e Hernán Cortés, 10.

Os irmans de Filomena foron:

Juan, que naceu en 1868 no nº 6 da Praza Maior de Ourense. Médico militar en Ourense e Cuba e “personaxe diferente”. Alí desequilibrou mentalmente a causa da presión recibida durante a guerra de independencia cubana.

A rama familiar coa que relacionou máis Filomena foi cos Muruais, Andrés e Xesús, que fixeron os seus estudos nos institutos de Pontevedra e Ourense. Xesús participou nos faladoiros do Liceo con Valentin Lamas Carvajal, Manuel Curros e Filomena. Xesús adquiriu sona coa súa biblioteca onde celebraban actos que se produciron na pontevedresa “Casa do Arco” ou de “Matalobos”. Filomena pasou alí tempadas, disfrutando da biblioteca, do cenáculo literário e da inteletualidade galega, onde organizaron espetáculos carnavalescos, discusións literárias e puxeron en marcha a revista “Galícia Moderna”. Filomena publicou nela varias composicións.

Filomena Dato era unha muller sociable. A súa personalidade, cultura e sensibilidade desbordantes a facían ser o centro de toda reunión na que participou. Foi digna representante da Galícia feminista. A súa personalidade, sociabilidade, cultura e sensibilidade amosouna na súa obra poética que a converteu nun dos referentes da poesia galega; foi considerada a digna sucesora de Rosalía de Castro. 

A súa obra trata o ámbito do ser humano con igualdade e unha firme crenza feminista. Demandou a igualdade do ser humano sen importar o xénero; trasmite a mensaxe da equiparación de dereitos esenciais do home e da muller, defendeu a identidade propia da nosa terra e língua. Foi un dos escasos referentes da literatura feminista con Rosalía de Castro, destacando na poesía en língua galega xa que foron as únicas que viron publicados libros en galego no século XIX.

A súa maior obra literária en galego foi premiada nos Xogos Florais de 1887, celebrados o 10 de setembro en Ourense, presididos por Emilia Pardo Bazán. Filomena recibiu tres premios no certame en honra do Padre Feijoo polo poema “Defensa das mulleres”, a imitación deste co mesmo título, por un cento de cantares e un romance, “Casdemiro”, que foron inseridos no libro “Follatos” editado, en galego ricaz, en Ourense en 1891, na editorial Otero. Foi o seu texto máis importante, adicado á “Infanta d´España Dona Sabela Francisca de Borbón”, marquesa de Náxera. Na “Defensa das mulleres” fala de personaxes femininos co carácter intimista. O xurado compúñanno Emilia Pardo Bazán, Arturo Vázquez Núñez, Valentín Lamas Carvajal, Jesús Muruais, Juan Sieiro González, Marcelo Macías, Juan Manuel Paz Novoa e J. Artiaga.

 En 1884, Filomena recibiu un accessit no certame de Pontevedra pola poesía “A Lourizán”. En 1891, celebráronse en Tui os Xogos florais de Galicia, convocados polo Consistório d´os Xogos Froraes de Galícia, no que Filomena recibiu un “Alfiler de turquesas e brilantes” por “O gaiteiro de Xixón”. O xurado compúñanno Manuel Murguía, Salvador Cabeza de León e Alfredo Brañas.

Nas Festas Maiores de Ourense do Corpus de 1901, participaron Filomena Dato, como mantedora, e Emilia Pardo Bazán, presidenta, destacando ambas no acto celebrado no Liceo. O xornal ourensán El Miño informou dos mesmos e falou da viaxe en tren que fixo un grupo de ourensans, entre eles Filomena e Marcelo Macías, ata Monforte, acompañando á condesa de Pardo Bazán que, despois, encamiñou soa ao Pazo de Meirás.

Creada a Real Academia Galega, en 1906, foi nomeada membro correspondente da mesma. Morto Curros, Filomena foi unha das autoridades que o recibiu na Coruña de volta de Cuba colocando unha coroa sobre o seu sartego ante a sé da Real Academia Galega.

Filomena Dato era tan popular que na casa nº 64 da rúa San Domingos, colocaron o 25 de xullo de 1933 unha placa descuberta por Marina Peña que di: "As mulleres ourensans lembranse da súa escritora, Filomena Dato Muruais, que niste casal morou". Léuse un texto de Marcelo Macías. A placa foi reposta en 2009 durante a presentación do meu libro “Filomena Dato Muruais, a poeta galega de entre séculos” (Ed. Duen de Bux), cunha biografía e unha recompilación da autora de 69 poesías en galego, especialmente “O Ciprianillo”.

 Auriabella homenaxeou a Filomena Dato adicádonlle en 1983 unha rúa ratificada na aprobación do rueiro por acordo plenário en 1991; situada no barrio da Carballeira. Un dos últimos homenaxes fíxoselle na Valenzá: en 1998 o CEIP de Barbadás recibiu o seu nome.

 Filomema finou o 26 de febreiro de 1926. Enterráronna no cemitério de San Vicente de Moruxo (Sada). O seu pasamento foi sentido en toda Galicia, participando personaxes da nosa terra.



DEFENSA DAS MULLERES | Excma. Sra. Marquesa de Náxera (VI)

Os que negan â muller

intelixencia e talento,

a millor contestaceon

cicais que fose o disprecio.

¿D´ónde sacaron qu´as almas

teñen com´os corpos seuso?

Porqu´as probres d´as mulleres

nunca tiveron enseño

como os homes, qu´eran tontas,

os homes tontos dixeron;

pois anqu´alguns qu´eran sábeos

probar quixesen o mesmo,

soilo logran porbar

que n´human´entendemento

todo é falibre e que poden

os mais grandes teren erros.

Eu non met´a estudear

si tein húmido o cerebro,

ni cal ê forma millor

pra ter as almas asentos

porqu´eu as cousas non busco,

que soilo os afeutos.

Te puede interesar