Finalizadas as obras de renovación do firme da rúa Francisco de Moure de Ourense

photo_camera Aspecto da rúa Francisco de Moure.
A intervención tivo un investimento de 48.000 euros

O Concello de Ourense rematou a execución das obras de acondicionamento do firme da rúa Francisco de Moure, unha das principais vías do barrio do Couto, que se estende desde a Avenida de Portugal, á altura da Praza do Couto, até a rúa de Faustino Santalices.

A rúa xa está plenamente operativa desde a fin de semana logo de que o venres se realizasen os últimos traballo de pintado da vía. As obras realizadas polo Concello consistiron no fresado e na reposición da capa de firme, que se facía necesaria dado o estado de esgotamento que presentaba. As obras supuxeron un investimento de 48.392,80 euros por parte do Concello e forman parte das actuacións de mellora e acondicionamento de firme que o Concello desenvolve ao longo do ano naquelas rúas que o precisan.

Actualmente, o Concello realiza traballos de fresado e reposición de firme en tres rúas do barrio da Carballeira: Martínez Sueiro, Nicomedes Pastor Díaz -desde a intersección con Castelo Ramiro até o final da rúa-, e Castelo Ramiro -desde a intersección con Nicomedes Pastor Díaz até a praza da Lexión-, cun orzamento de 47.993,13 euros.

Te puede interesar