CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE

Unhas flores lorquianas para Juan Manuel

Polo túnel difuso do tempo, esta semana revivín os días nos que a súa nai María lle levaba flores a Juan Manuel.
photo_camera Polo túnel difuso do tempo, esta semana revivín os días nos que a súa nai María lle levaba flores a Juan Manuel.
Quince foron as vidas que a senrazón etarra lle roubou á nosa provincia e que, ancoradas na quietude eterna dos seus camposantos, xamais gozarán dos permisos, achegamentos e reduccións de condea que os verdugos esixen agora para eles

En Alfacar (Granada) construíron no ano 1986 un parque ó que lle puxeron o nome de Federico García Lorca, xusto a carón do manancial de Fuente Grande, onde se pensaba que era o lugar no que na madrugada do 17 ó 18 de agosto de 1936 executaron ó poeta universal.

Un día antes no calendario anual -é dicir, o 17 de agosto, pero de 1992-, José Manuel, un mozo de 25 anos nacido precisamente en Alfacar, dispúñase a retirar o seu Renault 19 (matrícula de Granada) do estacionamento dun centro comercial de Oiartzun (Guipúzcoa), despois de ter feito unhas compras na compaña doutro mozo aínda máis novo, o ourensán de 22 anos, Juan Manuel Martínez, natural de Sarreaus.

Alleos ó seu futuro máis inmediato e probablemente abstraídos dos movementos que estaban a suceder no seu entorno espacial, despois de ter compartido xantar cunha camareira dun restaurante do centro comercial coa que o mozo de Alfacar tiña feito amizade, cando se quixeron decatar "un individuo joven, de pelo rizado y con barba y que vestía un chándal negro", descargou sen piedade nove disparos de bala de "nueve milímetros parabellum" sobre os dous.

Mentres o asasino fuxía nunha furgoneta que o agardaba no lugar e as xentes acodían a socorrelos, o mozo de Alfacar, "con tres impactos en la cabeza" xacía morto e Juan Manuel "con un proyectil en la garganta" facía esforzos imposibles por respirar, amarrándose desesperadamente a unha vida que se lle foi das mans pouco despois de chegar ó Hospital.

Ollándoo todo dende a distancia, a moza tomou camiño de ningures e nunca máis se soubo dela, polo que os investigadores concluíron en que tivo que ser a "Xudas" que os delatou e os entretuvo mentres o asasino fumaba ata dúas ducias de cigarros, agardando polo instante final.

Eta fendía así (asasinando a sangue frío a dous Gardas Civís con menos dun ano e tres meses de servizo no cuartel de Intxaurrondo), unha "tregua" de dous meses nos que se desenvolveron os Xogos Olímpicos de Barcelona, e así mo relatou o pai de Juan Manuel o día 3 de setembro de 2001 (subteniente, tamén da Garda Civil, daquela) na súa casa de Sarreaus, en tanto a súa muller, María, preparaba flores para lle levar ó seu fillo á campa de San Salvador de Sás, onde se atopa o camposanto parroquial e a onde acodía diariamente cun ramo para lle entregar.

É moi posible que nin José nin María repararan nunca na coincidencia temporal da data na que asasinaron a García Lorca, a mesma na que lle segaron a vida ó seu fillo e ó seu compañeiro de Alfacar.

É posible -quen sabe?-. Aínda que non sería quen de afirmar o mesmo do asasino do chándal negro, os nove disparos de bala e as vintecatro colillas no chan.

Vinte anos despois de ter escoitado -e publicado neste mesmo xornal- o relato de José Martínez, decidín volver a Sarreaus e cando tomei a pista da igrexa parroquial, iso que chaman serendipia levoume a adiantar a unha señora de idade avanzada que apoiada nun bastón e cunha bolsa con flores na outra man, camiñaba solitaria cara o mesmo lugar.

Procurei a campa de Juan Manuel, pero ó non encontrala optei por agardar. Tiven un certo arrepío por medo a que a casualidade me puxera fronte por fronte da súa nai. Comecei a conversa con ela, pero non lle preguntei o nome para non importunar o seu atento anonimato: "Si que está, si. No cemiterio de atrás. Dende hai dous anos tamén o acompaña seu pai. María continuou tráendolle flores diariamente, ata que, ó enviuvar, marchou vivir coas súas fillas para Gondomar. Aínda estivo aquí a fin de semana pasada e podes estar seguro de que por "Fieis" volverá..."

Te puede interesar