REPORTAXE

A forza ourensá que une galegos

ddd
photo_camera Na imaxe da esquerda está Antía Quintas (primeira a dereita) e na da dereita está Xan Bieito (primeiro a dereita). Ambos con membros galegos de Rega.

A comunidade galega no Reino Unido contará desde o 13 de maio cunha entidade que busca unir a todos os que promoven a cultura e lingua propias alí. Dous ourensáns, Antía Quintas e Xan Bieito Cao, están entre os impulsores.

O Reino Unido serve desde hai anos como refuxio dunha importante colonia de galegos. Iso sábeno ben Antía Quintas Freire, de 29 anos, de Ourense, e Xan Bieito Cao Feijóo, da parroquia de Albarellos, no concello de Monterrei. Ambos pensan que a cultura galega precisaba xa unha entidade que dea pulo á cultura galega e, por iso, estes dous ourensáns participan canda unha decena de persoas no lanzamento da Rede de Asociacións Galegos no Reino Unido (Rega-UK).

Ambos coinciden asiduamente nos ensaios do grupo de pandeireta. Un dos tantos proxectos espallados polo Reino Unido adiante, e que agora queren aglutinar. "Isto tiña que pasar, xuntos somos máis fortes", explica Antía, ourensá que estudou no IES Blanco Anmor e que aos seus 29 anos leva sete xa en terras inglesas. Ela participaba ata agora contando contos en lingua galega a nenos galegos. "Empecei traballando nunha gardería e aproveitei a experiencia", explica esta ourensá que agora traballa nunha empresa de eventos.

En Rega-Uk queren aproveitar chegada da festa máis senlleira da cultura galega, como é o día das Letras, para facer o lanzamento. En concreto, farano este 13 de maio, nunha festa con música, cine, libros e, como non, moita gastronomía.


Distintos perfís


Na asociación conviven distintos perfís de galegos, que achegaba ata o de agora o seu gran de area por separado, pero que agora pretenden facelo xuntos, baixo un mesmo nome e con vocación de achegarse a todos os galegos e ourensáns que andan polo Reino Unido, e non só en Londres.

"En primeiro lugar, Rega foi xurdindo como asociación de música folk, coa unión de grupo de gaiterios, pandereteiras e de baile. Así, xurdiu a idea de nos unir todos para facer eventos e unir á comunidade galega e crear unha asociación galego-inglesa", explica Cao.

"Din que o pobo unido xamais será vencido, por iso que cantos máis mellor", engade, sobre a necesidade de xuntar forzas entre as distintas organizacións de galegos que hai espalladas pola terra de Shakespeare.

E é que Londres é unha cidade "con moita variedade cultural", e se non se fai piña, os galegos corren o risco de pasar desaparcibidos. Nesta iniciativa colaboran os de Galician Film Forum, Troula, e grupos de Facebook que levan xa máis de 10 anos traballando na unión dos galegos., como Galego en Londres, obra do célebre Xaime Varela.

Agora reuníronse rapaces con "moitas ganas e ilusión, aínda que con pouco tempo", puntualiza Cao. Xa teñen feito magostos e entroidos na capital inglesa, e disque o éxito ten sido rotundo. Canto mellor será, cren eles, se o fan baixo o paraugas dunha entidade.


Divulgación da cultura


Con Antía contactamos en plena xuntanza para poñer todo en marcha. "Agora na reunión somos sete, pero de media somos uns 12 os que estamos", explica. Pon en valor a importancia de chegar a acordos para quedar e engraxar a maquinaria dun proxecto así nunha cidade como Londres. "Temos que quedar no centro, porque cada un estamos nuha punta", aclara. É clara no obxectivo: "Queremos divulgar a cultura galega en todo o Reino Unido e queremos que participen os que estean por todo o país, queremos que sexa inclusivo", explica este ourensá.

Te puede interesar