entrevista - elecciones

Francisco García: "Hoxe, o proceso de loita social que houbo en Allariz no 1989 non sería posible"

Francisco García, na entrevista (MARTIÑO PINAL).
photo_camera Francisco García, na entrevista (MARTIÑO PINAL).
"O BNG non recorre a ningún primo de Zumosol, non queremos deputados nin de Pablos nin de Pedros. Precisamos deputados de Galiza", asegura o candidato do BNG en Ourense

Francisco García (1957) ten unha ampla experiencia política en Allariz, vila na que foi alcalde 18 anos, un modelo que creo que é susceptible de "ser reproducido a gran escala". Agora, ten a ocasión de facelo no Congreso, se os ourensáns o elixen. "O BNG non recorre a ningún primo de Zumosol, non queremos deputados nin de Pablos nin de Pedros. Precisamos deputados de Galiza". Afronta con optimismo a campaña: "Ninguén da Complutense nos vén dar leccións a nós de esquerdas", sinala, tras lembrar que cando o BNG estaba no Congreso, "tivemos o récord de investimento en Galiza". 

Hai máis apoio ao BNG có 28 de abril?

Cara nós hai un sentimento de maior simpatía. Despois das municipais, o BNG quedou nunha mellor situación. A xente bota de menos unha presenza no Congreso e Senado para defender as propostas de Galiza, e especialmente nunha provincia coma esta, que ten un inmenso potencial. Se isto fose un territorio ermo, que non ten recursos... 

Se hai vendas na empresa e hai servizos no rural a xente queda. Na provincia hai unha sensación de que o rural é case un mundo que está rematando. Precisamos de moitas políticas públicas e un plan de discriminación positiva para o rural. Se queremos ter unha tenda na Mezquita non pode ter a mesma fiscalidade que o que a ten no centro da cidade.

Moitos galegos non acreditan no de máis soberanía. Somos unha terra subsidiada? 

 Estou canso de que me digan que Galiza depende da solidariedade do Estado. Claro, é que o Estado non para de pensar en nós. Que queredes, máis tren? Pois máis tren... Vaia!  Cando á xente lle pos a realidade,  como que unha privatización da banca acaba sendo tan negativa para nós desde o punto de vista de país, teno claro. É máis fácil negociar cunha banca próxima que co señor Botín. Iso si que merma a poboación do rural. Cando lle falas á xente da confianza nas nosas posibilidades e que en ningún ámbito do mundo ninguén está mantendo a outro, compréndeno.  

Teño escoitado moitos lamentos tipo “están os rexionalistas cántabros e non o BNG", por que non se traduce nas urnas? 

 Non é exactamente o noso exemplo... Euskacabe territorialmente na provincia de Ourense. Poboacionalmente, son 600.000 persoas menos ca nós. Teñen 18 deputados, cinco  menos. Cales pesan máis e inflúen máis? 

Pero as enquisas seguen a dicir que Ourense é territorio para PP e PSOE... 

 O BNG é recoñecido como unha forza con principios, ética, valores e unha forma de facer a política ao servizo de todos. Hai ventos de cambio. A maior alcaldía que ten o PP é Ribadavia. Sería moi importante a nosa presenza para condicionar a política estatal.

Segue na memoria o modelo Allariz?

Si, a a xente teno presente. Allariz non foi un milagre, foi poñer o poder político ao servizo da xente e un cambio de mentalidade. Gañamos 1.000 habitanes en cinco anos, hai un colexio novo, ... É indicativo de que con arroupe institucional pódense cambiar as cousas.

Outro modelo que pode restar, é o que sucede co nacionalismo en Cataluña?

 O de Cataluña recórdame á utilización que se facía en tempos co terrorismo. Non é un problema, é unha realidade. España é plural e diversa. É tan inxusto tratar os que son iguais con distintas normativas, que tratar os que son bastante diferentes coa mesma  normativa. A min o que me asusta é que se está plantexando unha lexislación case antiterrorista que afecta dereitos e liberdades. A sentenza, polo que significa, é un escándalo. Nós fomos acusados de sedición na loita de Allariz no 1989. Hoxe non sería posible ese proceso de loita social, estariamos non sei onde...

Por que insisten no da tarifa galega?

 Agora chegan cartas á casa de que os cánones desde 2013 van ser repercutidos na factura. Imos pagala aínda máis cara, cando sería lóxico ter unha tarifa propia, é o noso petróleo. A maioría dos que explotan son fondos de inversións que o único que fan é espoliar a nosa riqueza. Tamén se pode ver na AP-9 ou outros sectores. E, ao final, a economía sen corazón nin sentimento acaba nun Chile, en desigualdade social. 

Te puede interesar