Francisco José Fumega: “Os trens son unha porquería, levan 15 anos sen investir, fai falta un plan"

2020012522465240678
A vila recupera os 14.000 habitantes e consolídase como o segundo concello ourensán máis poboado

Tras catro anos en minoría e uns últimos meses do mandato anterior co PSOE roto pola saída de tres concelleiros cara Espazo Común, Francisco Fumega (Carballiño, 1961) logrou en maio unha incontestable victoria que lle permitiu revalidar, agora con maioría absoluta, a Alcaldía do Carballiño. A vila recupera os 14.000 habitantes e consolídase como o segundo concello ourensán máis poboado. O rexedor amósase optimista co futuro, coa prudencia e tranquilidade que o caracteriza.

Non é algo habitual aumentar poboación. Cal é a receita?

A clave é que haxa traballo. Tivemos un impulso moi grande no sector industrial, que trala crise da construción pasou a ser motor sobre todo co metal. Inflúe o retorno de emigrantes, fundamentalmente de Venezuela e Arxentina, e comunidades do leste como Hungría ou Romanía.

Está vindo xente xoven?

Si, con moitas ganas de traballar, integrados plenamente. Creo que somos a vila máis cosmopolita da provincia, con veciños duns 50 países.

Falamos dun padrón á alza nunha provincia con problemas.

Nós tamén temos aldeas abandonadas, con catro, seis veciños, cunha idade media moi elevada e un horizonte de ocupación que non vai máis alá de dez anos, é un problema.Temos que tirar todos, nós estamos ben situados respecto a cidade, hai que constituír unha área metropolitana e facer un baluarte.

As urnas refrendaron a xestión.

Case 10 concelleiros nun momento no que as absolutas brillan pola súa ausencia é unha satisfacción.

É fácil a relación con Espazo Común e os seus excompañeiros?

É practicamente inexistente.

Decepcionárono?

Optaron por outra vía, é auga pasada. O pobo falou claramente.

Ve a Pachi Vázquez todo o mandato?

Home, eu non o vexo moi integrado, pero será el o que o decida.

Cambiouno a maioría absoluta?

É o mesmo, un alcalde está para servir o pobo e todos os días estou aquí desde as oito da mañá atendendo á xente e visitándoa.

Pero é máis fácil non ter que buscar apoios. Hai menos escusas?

Non as hai, aínda que si hai unha falla de recursos en xeral na administración local que se nota.

Baixouse o IBI un 20%. Pode afectar as arcas municipais?

Son case 500.000 euros que quedan nos bolsillos dos veciños, pero que se restan ó Concello e hai que equilibrar e ser mesurados nese tipo de medidas. É fácil dicir de baixar impostos, pero despois non tes a posibilidade de facer cousas.

Teme que se resinta o Concello?

Temos unha boa situación económica, catro millóns en remanente, pero non se pode botar man polas leis estatais.

Asfixia a burocracia?

É imposible explicar que teñas catro millóns e non poidas coller 200.000 euros para un arranxo. Somos a administración máis saneada e, paradoxalmente, a máis controlada. Caen todo tipo de responsabilidades e case nunca con cartos.

E os veciños non entenden de competencias, petan na porta do alcalde.

Exactamente, somos os que adquirimos compromisos e temos obriga moral de dar servizos.

É boa a relación coa Deputación?

Cordial, pero non satisfactoria. Con outro modelo falaríamos dun investimento anual dun millón de euros. Entendo que teña que haber unha parte discrecional, pero estamos lonxe do que nos tocaría.

Funciona o censo de maiores?

Está funcionando, incrementamos a asistencia no fogar e pon en evidencia unha realidade, que case 1.000 personas de máis de 75 anos viven soas, o que chama a atención sobre a necesidade de políticas de apoio a esa realidade. É inconcibible que teñamos unha residencia pública con só a metade de prazas ocupadas.

Por que?

Nunca se chegou a abrir, é algo moi contraditorio. E ademais será un nicho importantísimo de emprego.

Carballiño é un dos concellos afectados polos problemas ferroviarios. Preocupa?

Fundamentalmente o servizo en si, os trens son unha porquería, lévase sen investir 15 anos, o deterioro é moito. Ten que haber un plan integral de investimento nestas liñas, rematar co AVE e comezar con isto. O das estacións é pan para hoxe e fame para mañá.

Non é o maior problema?

Preocúpame máis a maquinaria e o servizo que a venda de billetes.

Confía no goberno de Sánchez?

Creo que hai que darlle unha oportunidade. As medidas tomadas por agora teñen certa sensatez.

Era a única forma de formalo?

A coalición chegou para quedarse en España. O goberno de Madrid ten esa complexidade de que necesita moitos máis apoios. Pero o que toca é a política de pactos e entendemento, fórmulas que escaparán á tradicional.

Como o acordo PP-DO.

Para conseguir a Deputación, necesitaban algo. E un pouco como con PSOE e Podemos, se escoitas antes das eleccións falar ós dous sería inviable. Despois xa ves, na política do día á noite pode pasar de todo.

Como ve o goberno da cidade?

Non tivo moito tempo, hai bandazos importantes, pero non me meto.

A hemeroteca mata.

Non se pode cuspir para arriba porque che cae. En política tes que buscar solucións. 

Sánchez cede cos cataláns?

Non o sei, haberá que velo. Pero o problema catalán está aí, púidose ter resolto en 2007 co Estatut recorrido polo PP. Tivese sido unha boa saída para 20, 30 anos de cohesión. Iso deulle alas ó independentismo.

O PSOE ourensán tivo tres resultados moi bos en 2019 nas eleccións, pero non goberna nin cidade nin Deputación.

Si existe certa frustración, pero os datos indican un avance e un apoio importante ó PSOE nun momento no que a agrupación local viña dun proceso de división, pelexas, cainismo.

Está facéndoo ben Villarino?

Para min si que está facendo o que pode, ten todo o apoio do partido pero as dificultades son importantes e a frustración de non gobernar na cidade e na Deputación tampouco axuda moito a tirar para adiante.

Primeira forza na cidade, Carballiño, Verín, O Barco, Barbadás.

Quere dicir dun xeito moi claro que temos mellores resultados que nas zonas rurais, nas que quizais hai un tipo de controis que son imposibles nuns cidadáns máis urbanos, máis modernos.

Está na executiva galega do PSOE. Ve cambio na Xunta?

Todo indica que si, que é difícil que conserven a absoluta aínda que non lle auguren unha baixada espectacular. Hai moita xente que quizais é optimista de máis e eu sempre digo que o PP ten un apoio social moi importante e que Feijóo mantén cotas de credibilidade bastante elevadas.

Sería bo presidente Caballero?

Creo que pode selo. Todo o ruído de sables desapareceu. A Gonzalo hai que recoñecerlle a capacidade de traballo, está en todos os sitios, ven á provincia 20 veces ó mes, véselle ilusionado e creo que ten capacidade para levar os destinos deste país. 

Te puede interesar