ENTREVISTA

Francsico X. Fernández: “O primeiro impulso contra a violencia de xénero é a linguaxe"

O escritor ourensán Francisco Fernández Naval, a quen todos coñecen por "Chisco", vén de sacar ao mercado o seu novo thriller,"Alma e o mar"

"Alma e o mar", de Francisco Fernández "Chisco" relata a loita dun grupo de mulleres contra a violencia. A protagonista é ourensá, como a maioría dos personaxes das súas novelas. "A patria é a infancia, e un non a pode esquecer, por iso todos os personaxes teñen que ver con Ourense", sinala. Marchou á Coruña no 1982 para traballar e alí ficou, con Ourense na memoria.

Como describe a última obra? 

Conta a historia dun grupo de mulleres, co personaxe principal de Alma. Todas padecen algún tipo de violencia, ben sexa sexual, laboral, familiar...E todas teñen a forza para ser e vivir. Alma nace en Ourense e marcha a Estados Unidos, onde tras unha consecuencia traumática dá en chegar á Costa da Morte. 

O feminismo e a loita da muller para conquistar dereitos non pode estar máis de actualidade... 

Desgraciadamente é algo que está de actualidade e que o estaba no momento en que tomei a decisión de facer a obra, hai sete anos. 

Sete anos? Supoñemos que tivo un gran traballo detrás, non?  

Unha novela coma esta, de máis de 400 páxinas, non se fai nun ano. Escribila levoume 2015, 2016 e 2017, pero hai que contar coa investigación anterior, visitar todos os lugares...

Como home, resultoulle fácil empatizar cunhas personaxes femininas e os seus problemas?  

É necesaria unha posición máis activa do home contra a violencia de xénero. Como home marqueime o obxectivo de contar unha historia de mulleres desde a perspectiva máis feminina posible. Quería empregar unha linguaxe da muller e penso que o conseguín. Esoutro día paroume un home pola rúa e díxome que se non soubese quen a tiña feito, creía que fora unha muller. 

Tan fundamental é a linguaxe? 

O primeiro impulso valente do home ante a violencia contra a muller arranca na linguaxe. Hai que cambiar a linguaxe machista, que sempre vén acompañada de violencia". 

É complicado encadralo a vostede nun xénero. Cal é o seu? 

Son incapaz de rematar un libro de versos e facer outro libro de versos. Variar de xéneros permíteme publicar case sempre. n

Te puede interesar