ENTREVISTA - MÚSICA

Gabriel Reigosa: "Estes festivais teñen limitacións, porque as axudas van máis para o indie e o folk"

photo_camera Simón González, Álex "Beler", Gabri Reigosa, Carlos Lamosa, David Marín, Anxo Iglesias y "Joaki" Fuentes, ayer en las instalaciones de Benposta.

A bandar de punk-rock Dakidarria actuou onte na segunda e derradeira xornada do OurenRock Sound.

Este grupo do Val Miñor leva 14 anos subida aos escenarios galegos, coa voz inconfundible de Gabri Reigosa, acompañada de Simón González, Alejandro Belerdas "Beler, Carlos Lamosa, David Marín, Anxo Iglesias e "Joaki" Fuentes. 

É a segunda edición do OurenRock e volvestes repetir no cartel, que ten de especial este festival para vós? 

Véxolle futuro pero, sobre todo,  xa lle vexo presente. Só levan dous anos e medrou moito, os dous días houbo moito ambiente, ten unha organización seria que medra a pasos axigantados, este ano arriscaron e penso que lles saíu ben. Nun ano evolucionou un 200%.

Estivestes en Ourense hai pouco, actuando en formato acústico nun bar. É unha nova faceta que estades a probar?

Encántanos tocar en tabernas e garitos pequenos, e este é un formato que nos permite facelo. É un proxecto que fixemos porque hai algúns recunchos nos que nos gustaría seguir tocando toda a vida, e o acústico permítenos ter máis cercanía ao público. Encántanos pasar unha noite cos colegas cantando. 

Hai catro anos estreábades “Terra", un tema que se viralizou e que chegou a moitos fogares galegos. Considerádelo o voso maior éxito?

"Terra" foi, sen dúbida, un bum para o grupo, foi unha canción que significou un cambio para nós, e que non podemos deixar de tocar en ningún concerto que facemos. Hai xente á que non lle gusta o noso grupo pero que adora esta canción.   

Contounos un paxariño que este ano chegastes ao OurenRock con sorpresa. É así?

Esta vindeira semana presentamos oficialmente a canción "En Compostela", xa que cada tres meses imos estreando clips soltos, en vez de cedés, dentro do noso proxecto "Lume"; é unha forma de adaptarnos á necesidade da xente, que non é de escoitar discos, senón temas soltos de diversos grupos. Decidimos tocala por primeira vez en público neste festival, xa que ata o de agora só estaba nos nosos teléfonos. É unha homenaxe a esa cidade que representa tanto para aqueles que nos fixemos maiores alí. 

Como está o panorama festivaleiro galego?

Hai moitos festivais que están intentando sacar a cabeza pero hai bastantes limitacións, porque técnicos, grupos e produtores traballamos en precario. As axudas van máis para o folk ou o indie e, ademais, hai pouca cultura de boas producións, pero pouco a pouco vaise medrando.

Te puede interesar