CUARTO SINGUANTE

O gaiteiro da Catedral

“Tres cousas hai en Ourense

que agora catro son:

a Ponte, o Cristo, as Burgas,

e o Gaiteiro co seu son”

Día histórico para Ourense o 30 de xuño de 2020. Nesta data comezou unha tradición que ten como nobre obxectivo permanecer viva durante séculos. O “Gaiteiro da Catedral”, o símbolo da Ourensanía que une música, tradición e solidariedade, nace como homenaxe ás vítimas do coronavirus, ás súas familias, e ao persoal esencial, que tanto sacrificio deu nos duros meses da pandemia.

Bieito Romero, o líder do grupo Luar Na Lubre, tivo a honra de ser o primeiro gaiteiro en interpretar o Himno oficial da provincia de Ourense. Foi desde a torre da catedral. Porque niso consiste a homenaxe: en subires un gaiteiro ata o punto máis alto do noso Ourense histórico -a catedral de San Martiño- e desde alí lanzar ao mundo esta melodía de concordia e agradecemento.

Acontecerá os 365 días do ano, ás 11.30 horas, un momento que simboliza o día 11 de marzo de 2020, data na que a Organización Mundial da Saúde declarou oficialmente a pandemia.

O “Gaiteiro da Catedral” convértese, así, en referente permanente a partires desta data, na que a provincia honra a solidariedade demostrada en todos os confíns da Terra, inmellorable exemplo de fraternidade entre os seres humanos.

É a primeira homenaxe mundial permanente pola crise do covid-19. E faise desde a terra máis internacional: Ourense, un territorio que xa no século V foi capital do primeiro reino de Occidente; unha provincia sen mar pero na que os seus habitantes chegan a todos os mares do mundo co seu espírito traballador, creativo e emigrante; valentía e ilusión que deixan unha pegada perenne no sentimento colectivo. Un pobo, o ourensán, que ten nos seus devanceiros un exemplo de esforzo, cooperación e desenvolvemento; o que nos enche de orgullo.

En lembranza, pois, do que fixeron e seguirán facendo tantas persoas por salvar vidas fronte ao covid-19; honrando aos que nos deixaron durante a pandemia, e en homenaxe ás persoas que ao longo dos séculos continuarán coa súa labor solidaria en favor dos demais, desde esta terra, soará cada día a obra de Manuel de Dios, Ourense no solpor. 

O virtuosismo do “Gaiteiro da Catedral” -ese personaxe que ataviado coa capa que simboliza ao noso patrón, San Martiño, e que representa a personificación da Historia e da Cultura de Ourense- permitiranos gozar dunha melodía que encherá o Casco Vello e o alén da música máis fermosa que poidamos escoitar, pois sae dun fondo sentimento de pertenza a unha terra, a unha fala, e a unha razón de sermos, que non e outra que a de seguir facendo, cada día desde Ourense, un mundo mellor.

Mil veráns máis para o “Gaiteiro da Catedral” e para todas as xentes de ben que interpretan a música da solidariedade. Que así sexa por sempre.

Te puede interesar