arte et alia

Galán e López Amado, fin de verán

galan_result
photo_camera Un dos cadros da exposición de Santiago López Amado.

Comezou con fotografía e pintura, mais foi coa escultura como se fixo un nome.

Non sen tempo, o artista José Galán Suárez (A Coruña, n.1955) presentase en Ourense. O espazo da sala baixa do Centro Cultural quedouse pequeno, convertida en angosto labirinto para amosarnos o que ten feito dende 2010, en que deixou de expoñer. Aquela despedida foi un resumo da súa traxectoria de décadas no Kiosko Alfonso, algo semellante a esta rentrée. Une Galán con a 'Copa do sol’ as dúas mostras, reproducindo a espléndida peza en aceiro cortén coa que expresa a encomenda para o parque escultórico da torre de Hércules, referente-símbolo seu dende 1994. 

Comezou con fotografía e pintura, mais foi coa escultura como se fixo un nome. A débeda con Jorge de Oteiza, e os seus estudos da relación volume-espazo, dende as primeiras vangardas, sensibles cara o abstracto e o espiritual, está presente até a súa parada. Da catástrofe do Prestige xorden o metal-barril, con palabras nos pés ou enriba, e Para-brisa, cristais de naufraxio. Ámbolos están presentes en Ourense con pezas de gran porte. O May day norteamericano sen senso, baseado no preciso ‘M’aidez’ francés, peza icónica de 2007, amosada nas cidades da costa, e tamén Lugo... memoria e linguaxe comprometida. Agora coa licra e o cartón, vídeos e instalacións, que o sacan da súa dinámica do baleiro/cheo pois o tempo claustral de Bachelard semella ser outro. O máis novo está na mesa, pequenas e suxestivas pezas de arame e aceiro, recubertas con tecido, bodegóns fráxiles que se poden confrontar aos do Quintana Martelo pintor cando os traslada á escultura. E dende a ‘mesa da Vinci’ á parede, das ‘murias’, ollos de mulleres chorando, a violencia de xénero, crítica no fondo dunha educación na desigualdade... e as Mulleres muro. A garda patética, vídeo e instalación de 2011. A caixa de cartón coa sombra despregada é metáfora fronte á pretenciosidade. Saudárono Basallo, Figueiras, Mark Ritchie, Xosé Lois e Xurxo Oro, e outros tantos máis que o arrouparon para negar a desmemoria. Regresa agora á rolda da arte, por a Coruña, Ferrol e Lugo, achegándose á única provincia galega non atlántica, na que quizais se decate que temos os mares do Miño e o Sil...  

Santiago López Amado

Se autorretrata no andar superior cunha posta en escena chea de acenos ao Pop e a Banda Deseñada, ou o cine. 

As imaxes superpostas nas obras son estratos do seu vivir e sentir, estrelas do Rock, comida norteamericana coronel Sanders e os grafittis gamberros ao xeito do Basquiat postPop con un erotismo de plástico, os restos dunha época xa sen iconas de referencia, como o Jabato de Francisco Darnís. E a esta película engade os retratos dos pais, e a referencia católica co Cristo de Velázquez, un proceso de desnaturalización que anula a esencia cultural das imaxes no seu contexto. Os innumerables fragmentos visuais falan do caos dun mundo e dun tempo, o do artista, e a percepción de enchenta. 

Coa orixe en Ourense, mais madrileño de residencia e formación, este Movemento estático amósanos que por máis que mova as súas obras de lugar segue a estar alí, no seu.

Te puede interesar