Ourense

Galicia Baleira visibiliza os problemas do rural interior

Ourense

Rural

Galicia Baleira visibiliza os problemas do rural interior

A plataforma amosou as súas medidas contra a despoboación a Concello, Deputación e Subdelegación

O colectivo de "Galicia en pé... na defensa do rural, Galicia Baleira", formado pola Federación de Asociacións de Veciños de Lugo e a de Ourense (Limiar), presentáronse este martes na cidade e propuxeron 25 das súas medidas para fixar poboación no rural ante as institucións ourensás. O obxectivo é o de afrontar o reto demográfico para poñer en común posibles solucións. 

Galicia Baleira acudiu a Ourense co seu presidente, Jesús Vázquez, e o seu vicepresidente, Manuel Mosquera, quen dirixe a Federación Limiar. "Nacemos pola loita e a defensa da Galicia interior, para pedir máis servizos e infraestructuras para ela", explicou Mosquera. Puxo como mostra que, nos últimos 70 anos, a provincia de Ourense perdeu 130.000 habitantes e Lugo 180.000. "Unindo forzas podemos facer chegar a todas as adminsitracións as nosas inquedanzas", apuntou Mosquera. Nesta plataforma únense dado que ambas provincias comparten problemáticas: "O 99% das nosas reivindicacións son idénticas", destacou Mosquera. 

Foron recibidos no Concello de Ourense polo tenente de alcalde, Jorge Pumar, e pola concelleira de Participación Cidadá, Flora Moure. Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación, recibiunos no Pazo Provincial, mentres que remataron cunha cita co subdelegado de Goberno, Emilio González. A todos transmitíronlles as súas 25 propostas para a fixación de poboación no rural.

Dende a plataforma recoñecen que é unha situación que afecta especialmente ao interior de Galicia. Para Ourense, Mosquera reivindicou o AVE "para xa" e "inversións positivas" para o termalismo.

Vázquez explicou algunhas das medidas que presentaron para favorecer o emprego e o asentamento no rural. Tamén falou dos seus contactos coa España Vaciada, da que son o colectivo número cen en unirse ao movemento, e con Teruel Existe: "Gustaríanos que a Xunta contase cunha entidade que representase á Galicia baleira. Nós seguiremos traballando para colaborar e non perder o rural", afirmou Vázquez.