Idearon un método para controlar a temperatura dunha vivenda usando auga nas ventás

Galiciencia premia a dúas alumnas do Guillelme Brown

O sistema de climatización mediante ventás con cámara de auga deseñado por dúas alumnas do Colexio Guillelme Brown de Ourense levou o primeiro premio da 'Galiciencia 2010', a feira científica organizada pola Tecnópole. Este proxecto foi o gañador da categoría de segundo ciclo da ESO e gañador absoluto por impoñerse en puntuación aos dos outros dous equipos premiados, o de primerio ciclo da ESO o de Bacharelato. En total, participaron 17 proxectos (12 de Ourense).
O obxectivo do proxecto gañador, presentado por Ana Esteban Baloira e Uxía Fernández Bustillo, é atopar un método mediante o cal se poida controlar a temperatura da estancia dunha vivenda usando auga nas ventás. Para isto utilízanse ventás con dobre cristal que dan lugar a unha cámara intermedia que se enche de auga. Dependendo da temperatura exterior, do grao de insolación e da tintura que se empregue no circuíto pódese modificar o confort.

Polo que respecta ao proxecto gañador na categoría de 1º ciclo da ESO, consistiu na realización de medidas da resistividade dun material, a mina de lapis, formada por unha mestura de grafito con outras substancias. O traballo foi realizado por Paloma Bravo Bueno e Belén Martín de Vicente, do Colexio As Acacias (Vigo).

Os gañadores na categoría de Bacharelato foron Nuria Sánchez Monasterio e Andrea García Sagastibeltza, de La Anunciata Ikastetxea ( Guipúzcoa). O seu traballo consistiu na análise física, química e microbiolóxica da auga do río Zubitxo e a calidade da paisaxe dos seus arredores.

Todos os premiados levaron un ordenador portátil.

Te puede interesar