CULTURA

Gastronomía, tele e a música de The Funkles: mércores de ICC Week

Javier Olivares, un dos creadores da exitosa El Ministerio del Tiempo, foi un dos protagonistas da xornada de industrias culturais. 

Tras unha breve visita guiada ao Mosteiro de Oseira, esta segunda xornada da ICC Week deu comezo cunha mañá cargada de música en Cea (Ourense) da man de Marta Gómez -xornalista cultural-, Migui Puig -músico, compositor e cantante-, Daniel Sanchís -Brand Activation Director en M&C Saatchi-, Almudena Palacios -coordinadora de ¡Queremos entrar!- e Patricia Hermida -manager e presidenta de MMF Spain-. O foto debate estivo posto en todo momento sobre a rapidez coa que cambia a industria musical, tomando como exemplo que "o ano pasado foi a primeira vez que en España as vendas dixitais superaron ás vendas físicas”. 

A falta de liberdade para escoller a entidade de xestión das creacións dunha persoa en Europa, a reconversión de empresas para poder sobrevivir na industria ou as condicións laborais dos artistas no sector foron os eixos principais sobre os que xirou o debate en todo momento.

Xa durante a xornada da tarde e ao remate da masterclass impartida por Javier Olivares -un dos creadores da serie El Ministerio del Tiempo-, chegou a quenda de poñer a gastronomía en valor como industria creativa. Os encargados foron Alfonso López -redactor do blogue de cociña recetasderechupete.com-, Pepe Solla -chef de Casa Solla-, Javier Olleros -chef do restaurante Culler de Pau-, Mònica Escudero -redactora xefa de El Comidista- e o chef do Restaurante Nova de Ourense Daniel Guzmán.

No acto, que se celebrou no Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense e congregou a máis dun centenar de persoas, estas cinco personalidades da cociña achegaron esta arte ao público analizándoa en base a diversos temas de actualidade: a función da xente nova no sector gastronómico, os "dereitos de autor" nos pratos ou a posibilidade de combinar creatividade con excelencia.

Te puede interesar