ÁREA METROPOLITANA

O goberno de Barbadás di que non soben impostos desde 2015

Abren as portas a estudar baixadas que se propoñan, aínda que sinalan que están nos mínimos que marca a lei

O equipo de goberno de Barbadás reivindicou durante o pleno municipal que os impostos están conxelados dende 2015 e que non se pode contemplar unha rebaixa "ao estar situado no mínimo que establece a lei", segundo afirmou o alcalde socialista, Xosé Carlos Valcárcel.

Así o manifestaron tras rexeitar PSOE e BNG a moción realizada por CxB, na que pedían que no orzamento de 2019 se contemplase "aplicar rebaixas nas taxas e impostos municipais ata o máximo que permita a lei", dixo Ramón Padrón, que advertiu ao grupo do goberno do "risco de estancarnos".

O tenente de alcalde do BNG, Xosé Manoel Fírvida, lembrou que se mantiveron estables todos os impostos, e resaltou que incluso se reduciu un 8% o valor catastral no IBI. 

Valcárcel valorou o feito que pese a manter as taxas e impostos, aumentáronse "as axudas as asociacións culturais e deportivas", e puxo de manifesto que non se poden suprimir máis taxas porque "é necesario para poder prestar servizos". 


PLAN DE MELLORAS


Si saíron adiante senllas mocións de DO e PP. Os primeiros pedían mellorar a estética do municipio –parques, xardíns, mobiliario urbano...–, algo do que o goberno local se mostrou favorable, resaltando, que se "está a facer". A proposta do PP pedía un maior mantementeo de beirarrúas do municipio. Por último, ante a proposta de maior seguridade cidadá do PP, o rexedor negou un suposto incremento da delincuencia.

Te puede interesar