Concello

O goberno local, criticado por evadir preguntas na xuntas de área

"Estamos ante a parálise e inacción máis preocupante da historia da cidade", subliñou Flora Moure

As xuntas de área no Concello, paralizadas desde finais do mes de agosto, reanudáronse onte e recibiron críticas por parte do PP e o BNG ante as "escasas respostas" que proporcionou o goberno local ás preguntas plantexadas. 

Segundo o grupo municipal do PP, "o microgoberno da cidade de Ourense evidenciou a súa nula xestión municipal". En palabras da súa portavoz, Flora Moure, "estamos ante a parálise e inacción máis preocupante da historia da cidade. O regulamento de funcionamento do Concello de Ourense respecto ás xuntas de área é moi claro: son para dar conta das accións en áreas de goberno", remarcou. 

O grupo popular censura a falta de resposta en áreas tan distintas como xestión económica, área social, comercio, turismo e termalismo ou participación cidadá. 

Por outra banda, desde o grupo municipal do BNG puxeron de manifesto que "a composición do actual goberno, coa acumulación de moitas concellerías en apenas tres persoas, fai inoperativas e pouco produtivas as propias xuntanzas ao ser moitas as cuestións a tratar e escaso o tempo do que se dispón".

Neste senso, lamentaron que "por desgraza, foron moitas as preguntas plantexadas e poucas as respostas", unha situación que esperan que mude en próximas convocatorias.

Os nacionalistas consideran ademais que quedou "constatado" que "a día e hoxe, e en contra do manifestado no seu día mesmo en varias sesións plenarias, o concello aínda non lle remitiu á Xunta de Galiza toda a documentación requerida e referida ao PXOM". En materia de termalismo, os nacionalistas interesáronse polo traballo feito por parte do concello no que respecta á reapertura da piscina termal das Burgas, "información pendente desde o pasado mes de xullo", destacan. 

Te puede interesar