Comercio local

O Grupo Limia Arnoia anima a mercar no pequeno comercio

Xosé Manuel Puga, Eva González, Gumersindo Lamas y Marian Nóvoa con el cartel de la iniciativa.
photo_camera Xosé Manuel Puga, Eva González, Gumersindo Lamas y Marian Nóvoa con el cartel de la iniciativa.
Vén de lanzar a campaña "Merca no teu concello, sen ir máis lonxe" con premios e concursos

A sede do Museo Galego do Entroido de Xinzo foi o lugar escollido polo Grupo de Desenvolvemento Rural Limia Arnoia -integrado por 25 concellos de A Limia, Baixa Limia, Terras de Celanova, Allariz e Maceda- para presentar a campaña "Merca no teu concello, sen ir máis lonxe" coa que se pretende fomentar o consumo de produtos locais e tendas de proximidade. 

A campaña xurdiu, segundo explicaron dende a entidade, durante o periodo de confinamento, e preténdese lanzar agora unha mensaxe de confianza e apoio ao comercio local. "Eles estiveron sempre con nós, é o momento de estar con eles", sinalou Sindo Lamas, presidente do GDR. 

O obxectivo desta campaña, que comezará o vindeiro día 10 de xuño, é lanzar a mensaxe de que "todo o que precisamos témolo ao lado, no noso concello ou nun concello próximo", explicaron dende o GDR. "Queremos poñer en valor ao comercio e hostelería local como eixos imprescindibles na economía dos nosos territorios e que o covid puxo a proba. Se somos capaces de manter a estrutura económica local, somos capaces de manter con vida as áreas rurais". 

A campaña consta, por unha banda, dunha parte visual coa que se pretende apelar ao sentimento dos cidadáns e posibles compradores. Inclúe un vídeo que se pode visualizar nas redes sociais da propia campaña -Sen ir máis lonxe en Facebook e compra_senirmaislonxe en Instagram. 

Por outra banda, haberá premios en forma de vales para todas aquelas persoas que escollan o comercio local para efectuar as súas compras. Serán, concretamente, 58 bonos para gastar no territorio, e terán un valor na súa totalidade de 10.500 euros. 

Poderán participar no mencionado sorteo, todas as persoas que fagan compras superiores aos 40 euros nos establecementos de comercio ao por menor e hostalería do territorio do Grupo de Desenvolvemento Rural. Neste senso, entrarán no concurso as transaccións realizadas entre o vindeiro 10 de xuño e o 10 de setembro de 2020. O sorteo farase o día 11 de setembro e será público na web e redes sociais do GDR. 

O período para poder realizar o gasto do premio estará comprendido entre o 12 de setembro e o 12 de decembro de 2020 en calquera dos establecementos de comercio ao por menor, hostalería e restauración afectados polo estado de alarma decretado o pasado 14 de marzo. 

Por último, a campaña tamén incluirá un concurso para os menores de 28 anos que consistirá en facer vídeos, cancións ou fotografías animando á compra local. Haberá cinco premios de 200 euros.

Te puede interesar