Guadi Galego: “A música a min é a que me salva, escribo sobre as cousas que pasan"

Guadi Galego actúa hoxe en A Rúa
photo_camera Guadi Galego actúa hoxe en A Rúa

Hoxe 10 de xullo Guadi Galego actuará no marco dos Concertos do Xacobeo en A Rúa, cun show que será toda unha celebración para a artista orixinaria de Cedeira por ter lugar en Galicia e en Ano Santo e no que promete dalo todo por ser baixo a modalidade “Xacobeo non interior”.

“É unha alegría e un xeito de poder achegarme a outro público”, asegura Guadi, que mostrará en vivo o seu máis recente traballo, “Costuras” (2020), ademais dun extenso repertorio que empezou a xestarse sendo moi nova, primeiro con Berrogüetto e despois xa como solista e cun gran protagonismo na escena musical galega e tamén española, con recoñecementos, entre moitos outros, como o Premio Martín Códax 2020 na Categoría de Pop Indie, o Premio á Promoción da Realidade Plurilingüe do Estado español e o Premio Martín Códax 2016 a Mellor artista de canción de autor.

As etiquetas encorsetan, pero, no teu caso, hai unha clara evolución desde a túa orixe de cantautora folk. Como definirías agora mesmo a túa música?

Eu o que creo é que son unha cantaurora que escribe e canta dende unha vivencia e unha visión persoal do mundo e da música. A música vai evolucionando e lévame a mundos e sons distintos. Pode haber desde un tema con guitarra e voz a un tema moito máis elaborado e producido ou con sintetizadores. Pero non sinto que me etiquetan, síntome cancionista.

Empezaches moi nova na música. Hai algunha “costura” que tiveses que realizarche a ti mesma ao longo da túa carreira que che marcase de especial maneira?

Hai moitas. A primera costura que me marca é a saída en 2007 de Berrogüetto. Aquel foi o meu máster na música. A partir de aí decido que quero facer proxectos máis pequenos e minimalistas. Así cheguei a ter a forza para ter un proxecto que se chame Guadi Galego e facer a música que vou sentindo.

“Se mordo a lingua, non podo falar / Se non calan, non podo escoitar / En que consiste o contrato final / Que é xusto o prezo da vida?”, di a letra de “Liberdade ambigua”. Algunha vez sentiches cohartada a túa liberdade?

A liberdade é o concepto máis antigo que eu coñezo e o menos resolto. Cal é o concepto de liberdade? Onde comeza a túa liberdade e onde ramata, non? Algunha vez a sentin cohartada a miña liberdade? Si, moitas veces, claro que si. Pero non creo que haxa ninguén no mundo que non o sentira así. Porque o que a ti te fai libre nun momento dado pois deixa de facer libre moitas veces a outra xente, non? Conceptos como a liberdade, a felicidade ou a pobreza son ambiguos e complicados de definir. Quen é máis pobre, o que neste primeiro mundo gana 700 euros ao mes ou o que vive nunha tribo africana e que ten o xusto para comer e para desenvolverse? Ao final é todo moi relativo.

Que nos últimos anos sumásense máis mulleres á escena musical galega, significa en realidade que a muller ten o seu sitio?

-Creo que a muller vai abrindo as portas a un panorama musical sobre todo de cara a galería. Somos moitas as que agora mesmo escribimos ou lideramos, pero casi todas como cantoras. Pero faltanme mulleres músicas nas bandas, mulleres técnicas, mulleres productoras. Mulleres que lideren a outro nivel. Pero si é certo que estamos atopando un sitio. Estamos visibilizándonos máis, porque había moitas que estaban e non eran capaces de quitar a cabeza. A cousa é complexa.

Parte do teu disco “Costuras” foi composto na pandemia. Como foi facer arte en tan particular momento?

Facer arte neste particular momento é como a vida enteira. A musica a min é o que me salva. É a miña vía de escape. O meu reducto. Gústame escribir sobre a vida e as cousas que pasan. Eu escribin “O que ha chegar”, un dos temas máis leves e fáciles do disco, porque sentía que precisaba facer unha cousa fácil e non moi oscura, algo que me sacara.

Ao principio da pandemia, moitos dicían que iamos saír mellores persoas, que iamos ser máis solidarios e menos individualistas; como ves a sociedade hoxe?

Eu non creo nesas cousas. Que nada nos cambie para ser mellores ou peores. A vida é un circulo, unha armonia de contrarios e hai xente mellor e xente peor. Xente que evoluciona e xente que non evoluciona nunca. Xente á que as cousas a poñen noutro sitio e xente que non se move. Eu son das que cre que se non me movo e non penso e non empatizo non me sinto no sitio no que quero estar.

Te puede interesar