TEATRO

'La Guerra de Troya' para os rapaces ourensáns

1.400 escolares de 22 centros de Ourense asisten este martes e mércores á representación teatral da mítica batalla

O Auditorio Municipal de Ourense acolle desde hoxe un ciclo de catro representacións de La Guerra de Troya -hoxe martes e mañá mércores en pases de 10:00 e 12:00 horas- polo que pasarán máis de 1.400 escolares da cidade de Ourense pertencentes a 5º e 6º curso de Educación Primaria e de 1º e 2º curso de ESO dun total de 22 centros de ensino de Ourense.

Os espectáculos, organizados pola Obra Social "la Caixa" en colaboración co Concello de Ourense, teñen por obxectivo achegar o mundo da arte ao público infantil e xuvenil. Na presentación das funcións, a concelleira de Cultura, Belén Iglesias, e Fernando Garza, responsable territorial de la Caixa, destacaron os aspectos pedagóxicos, “achegando a mitoloxía aos máis pequenos desde unha óptica amena e didáctica”, afirmaba a concelleira.

La guerra de Troya é unha produción propia da obra social la Caixa, traballa con mitos que lle amosan ao público as emocións humanas básicas de todos os tempos, historias que reflicten un grande número de valores esenciais e plenamente vixentes da nosa cultura. “Coa mitoloxía pódese entender e gozar máis e mellor das artes de todos os tempos e, á súa vez, dá pé a debater temas sempre de actualidade como desgraciadamente son la guerra ou as loitas polo poder”, dixo a concelleira.

A obra remítenos a vai milleiros de anos nun lugar remoto do Mediterráneo, cando as dúas nacións máis poderosas que existían na terra se enfrontaron nun conflito terrible: a guerra de Troya. Paris e Helena, Príamo e Agamenón, Héctor e Aquiles, Ulises... O amor, o poder, a ambición, a gloria, o honor... Baixo a dirección de Jordi Colominas, o espectáculo combina narración, monicreques e audiovisual de animación para resumir esta historia universal.

Te puede interesar