entrevista

"Gústame que a xente veña e coñeza a cidade tan fermosa que temos"

Víctor Prieto (JOSÉ PAZ).
photo_camera Víctor Prieto (JOSÉ PAZ).

O acordeonista ourensán Victor Prieto, que leva máis de 20 anos vivindo en Nova York, volve a cidade este fin de semana co ciclo de clases maxistrais

Leva máis de 20 anos vivindo en Nova York, pero a ourensán non hai quen lle gañe. Víctor Prieto (Ourense, 1975), o acordeonista máis internacional da provincia, volve a casa cada vez que a axenda llo permite –"cando veño a tocar a Europa escápome a Ourense si podo"–. A pasada fin de semana arrancou a sexta edición do seu ciclo de clases maxistrais no Marcos Valcárcel, unha cita que congregou na cidade a músicos de rincóns tan afastados como Xapón ou Washington. Este sábado e domingo, a cita repítese, aínda que adicada aos ourensáns. 

Divide as clases maxistrais en dúas quendas.

A primeira fin de semana –a pasada– está dirixida a persoas cun nivel alto en acordeón, moitos son profesores en conservatorios, teñen grupos... As doce persoas que estiveron viñeron desde Xapón, Washington, Israel, Frankfurt, Lituania...  e expliqueilles a aplicación de novas ideas miñas. O desta fin de semana está adicado a músicos de aquí con instrumentos harmónicos, non só acordeón.

Regresa á terra para ensinar o que aprendeu.

Son dúas citas moi especiais para min. A primeira, porque poñemos a Ourense no mapa coma a capital do jazz acordeón do mundo. Recibín 600 peticións para participar nela, das que me quedei con 12. Esa xente pásase moitas horas no avión para chegar aquí, e tamén pasea pola cidade, visita, come... A segunda cita é unha forma de pasar os meus coñecementos ás novas xeracións e éncheme de orgullo contribuir a esa riqueza musical nosa. 

Podería facelas en Nova York, onde reside...

As clases maxistrais fágoas aquí porque quero que sexa en Ourense. Creo que é preciso ter este tipo de cousas na cidade; para min a diferencia entre lugares é o nivel artístico e cultural. Non só de comer vive o home, e para min é unha pena que se vaian quitando citas artísticas. Ademais, gústame que a xente vexa a fermosura de cidade que temos.

Nos últimos meses comezou un dúo co pianista compostelán Abe Rábade no que homenaxean a Galicia.

A forza galega sempre está presente. O noso dúo ten unha historia moi bonita, naceu fai 6 meses, no meu apartamento de Nova York. Abelardo –Abe– veu á miña casa, puxémonos a tocar e ocorréusenos. Falamos con Estrella Galicia e fixemos varios concertos. Interpretamos o noso propio repertorio, os dous somos compositores. Tocamos, por exemplo, "Mundos celtas", que é miña, temas relacionados co Entroido, misturando ritmos típicos e moi complicados...

Te puede interesar