SANIDAD

"Hai que educar e empoderar os maiores para que sexan o máis autónomos posible"

alvaro_carrera_1-1-_result
photo_camera Álvaro Carrera.

Álvaro Carrera entrou este luns a traballar no centro de saúde Valle Inclán. "Moi contento  e con moitas ideas en mente", convértese no primeiro especialista de Enfermería Familiar e Comunitaria de Ourense, e o primeiro en arrancar en Galicia

Álvaro Carrera entrou este luns a traballar no centro de saúde Valle Inclán. "Moi contento  e con moitas ideas en mente", convértese no primeiro especialista de Enfermería Familiar e Comunitaria de Ourense, e o primeiro en arrancar en Galicia, Ata o venres estaba realizando substitucións e reforzos de curta duración nos centros de saúde da provincia e nos PAC.

De que trata a especialidade? 

É unha das sete especialidades oficiais en España, vinculada a Atención Primaria. O obxectivo é a promoción da saúde por medio da educación e o empoderamento das persoas en relación á súa saúde, así como a prevención da enfermidade. 

Que é a promoción da saúde?

Fai máis fincapé no global da perspectiva dun estilo de vida saudable, e no papel protagonista do individuo na toma de decisións que condicionan a súa saúde no presente e no futuro.

Era necesaria a especialidade?

Totalmente. Creo que neste sentido a aposta da consellería vai ser clara. O envellecemento da poboación ven ligado a un incremento de enfermidades crónicas, pluripatoloxías e maiores índices de dependencia. Todo isto implica maior necesidade de coidados. E os profesionais dos coidados somos os enfermeiros. A implementación de especialistas supón unha oportunidade para traballar, por un lado, en coidar os maiores que temos cos seus problemas, educándoos e empoderándoos para un manexo o máis autónomo posible das enfermidades e, por outro, intervir sobre o resto da poboación, traballar no envellecemento activo, abandono de hábitos tóxicos, e a adopción de estilos de vida saudables, como alimentación e exercicio.

Que prefire, crónicos ou sans?

Os crónicos son un auténtico reto profesional e persoal, e o traballo cos sans... pois é a parte máis esencial e vocacional da especialidade, xa que responde á filosofía da Declaración de Alma-Ata, que deu lugar á Atención Primaria de Saúde. Ourense ten unha forte cultura de Atención Primaria, cóntase con boas competencias á hora de facer prevención, pero iso non quita que sempre se poida mellorar. Sempre temos que ser inconformistas para acadar a excelencia. Neste momento, máis que formación, precisamos máis investigación, para ver que intervencións son máis efectivas.

Como leva ser o primeiro?

Moi contento e motivado. É o resultado dun duro e intenso traballo, que compartín co resto de compañeiros de Galicia. Despois, que esa praza fose na Atención Primaria da área de Ourense que historicamente sempre foi referente e segue a ser pioneira en toda Galicia, foi a guinda do pastel. 

Te puede interesar