ENTREVISTA - PSOE

Fernández Morgade: "Hai que recuperar a unidade para volver ter un alcalde socialista"

img_2034SS
photo_camera Morgade no Liceo de Ourense, un dos seus lugares preferidos.

José Ramón Fernández Morgade, novo secretario xeral dos socialistas na cidade, chega co reto de unir ás diferentes sensibilidades socialistas a nivel local e lograr recuperar a alcaldía

É o novo secretario xeral do PSOE da cidade de Ourense, cuxa nova executiva se reuniu por primeira vez o pasado xoves. Chega co reto de unir ás diferentes sensibilidades socialistas a nivel local e lograr recuperar a alcaldía da cidade. Na súa condición de poeta, confía en " que a poesía triunfe sobre a prosa, xa que sempre foi un referente de protesta social". Leva militando máis de 20 anos no socialismo e agora dirixirá aos case 600 militantes da cidade co obxectivo sempre presente de "aumentar a militancia". 

Esperábase esta elección? Suporá a tan ansiada unidade? 

Unha sorpresa non foi porque levabamos tempo traballando para facer unha lista de integración, conxunta e única que era o que nos estaba a pedir unha militancia farta de disputas e liortas internas. É un primeiro paso, moi importante, pero hai que seguir traballando nesta unidade para poder alcanzar o obxectivo máis importante, que é recuperar a alcaldía en 2019.

É factible recuperar a alcaldía? 

Ímolo intentar porque estamos convencidos de que se nos presentamos todos unidos podémolo conseguir. Hai que repetir toda a unidade que houbo hai anos para volver ter un alcalde socialista.

Hai sintonía cos líderes Pedro Sánchez, Gonzalo Caballero e Rafa Villarino? 

Eu apoiei a Pedro Sánchez, a Gonzalo Caballero e Rafa Villarino. Creo que fixen pleno. Estiven activamente apoiando aos tres, polo que a sintonía é total. 

Ser secretario xeral local significa ser candidato a alcalde? 

Non. É un compromiso que adquirín na asemblea local. Non quero ser candidato a alcalde nin candidato a nada, Nin concelleiro, nin deputado, nin senador, nin nada. O meu teito está en ser secretario xeral da agrupación local. Quero dedicarme catro anos en exclusiva a esta tarefa. 

Hai algún partido que mostrou esperanzas en que a renovación da executiva local servise para intentar unha moción de censura? Contémplase? 

Como executiva local estamos en plena sintonía co grupo municipal. Eles teñen que decidir as accións que queren levar a cabo no Concello. O que decidan, esta executiva apoiarao. Temos un inmellorable portavoz municipal, que é Vázquez Barquero, e uns grandes concelleiros. 

Entendo logo que non se vai modificar a portavocía municipal. 

Non se vai modificar para nada o grupo municipal. Ten a súa propia autonomía e estamos para apoialos en todas as iniciativas que fagan.

O reto é gobernar, pero acadar unha maioría absoulta é complicado. De cara ás eleccións, como se abordarán as políticas de pactos?

 As políticas de pactos fanse desde outros órganos e respectarémolas. Somos un partido de esquerdas e os pactos claramente teñen que ser con partidos de esquerdas. 

Que hai que mellorar para achegarse aos cidadáns?

 Nesta executiva temos dous retos: un a nivel interno para renovar a unidade, e un segundo reto para achegar á cidadanía os proxectos para esta cidade. Para iso imos ter contacto con todos os militantes e cos cidadáns na rúa, para que coñezan as ideas que temos para esta cidade. Queremos saír á rúa para dicir o que temos e amosar, ante todo, a nosa vocación de goberno. 

Como valora a xestión que fai o goberno municipal do PP?

Neste momento, está totalmente paralizado, sen orzamentos, con concesións sen renovar...Polo ben de todos os cidadáns esperemos que isto se solucione, e se non estaremos nós para intentar corrixir as accións do goberno. E, por suposto, apoiar ao goberno en todas as accións que sexan boas para a cidadanía. O problema é que ás veces o goberno local deixa moito que desexar ante os cidadáns. 

Te puede interesar