ENTREVISTA | BIÓGRAFO DE CASARES

Henrique Monteagudo: “Non lle gustaba a literatura servil”

photo_camera Henrique Monteagudo repasa na sua obra aspectos crave na vida de Casares.

O académico e gran amigo do autor repasa na súa nova obra os aspectos crave da traxectoria do homenaxeado

“Liberdade, democracia, galeguismo e compromiso coa súa obra literaria”. O nome de Carlos Casares, figura imprescindible na construción da Galicia contemporánea e protagonista das Letras Galegas de 2017, pasa por cada unha desas acepcións. Así o entende o académico Henrique Monteagudo, amigo persoal do autor e impulsor dunha recente biografía na que repasa a traxectoria do narrador.

A obra “Carlos Casares, un contador de historias” naceu dun encargo da Editorial Galaxia, pasando a engrosar a colección dedicada aos homenaxeados cada ano polo 17 de maio. A pesar diso, o propio autor recoñece, nunha entrevista, a súa intención de conseguir “meterlle ganas de novo” á xente para achegarse á figura de Casares.

De entre todas as súas facetas, a biografía reivindica a súa produción literaria como “o legado máis importante” do autor, un enfoque “implícito no título”, aínda que ao tempo realiza unha panorámica do seu destacado papel como figura pública, como deputado no primeiro Parlamento galego e un dos impulsores do Consello da Cultura Galega, que presidiu en 1996.

A pesar diso, para Casares había unha liña que separaba o seu compromiso ideolóxico e o seu traballo político da súa creación literaria. “Reivindicábase como escritor e a liberdade para crear. Non lle gustaba ter unha literatura servil a unha ideoloxía ou partido en concreto”.

Esta distinción non impedía que o autor tivese “as cousas moi claras como cidadán”, comprometido co “movemento antifranquista" e coa democracia, o que lle levou a sufrir “represalias” durante a ditadura e a participar como deputado independente co grupo parlamentario do PSdeG-PSOE.
Casares, que mantivo unha relación “moi natural” coa lingua galega “desde pequeniño”, pasou unha etapa “un pouco problemática” por mor da represión e a persecución da época. “No seminario prohibíronlle falar galego e o seu primeiro libro foi denunciado por un militar, e ordenouse requisar todos os exemplares das librarías”.

A través da súa muller entrou en contacto co modelo político e social de Suecia, considerándose “socialdemócrata” e defensor do autogoberno, a pluralidade e a liberdade. Xunto a Camus, ou Hemingway, o seu principal referente estivo na figura de Ramón Piñeiro, “o seu guía espiritual”.
“En cambio, non tiña un compromiso de partido político forte, non sentía cómodo na a disciplina de partido. Non quería atarse, por iso foi independente e logo non quixo seguir”, destaca Monteagudo.
Esta idea reprodúcese no seu estilo narrativo, presentando o galego como “algo do común e non das elites” e “descargándoo de connotacións crispantes” ou de asociacións políticas, para centrarse así en temas correntes, próximos e atractivos para o lector.

Así mesmo, fronte a outros que buscaban “un estilo brillante e rebuscado”, o galego de Casares era “moi claro e atractivo, moi fácil de ler para calquera”, para así “chegar a un público moi amplo”. “Quería descargalo -o idioma- de moitas asociacións da mentalidade común, como que era algo moi rebuscado ou que tiña connotacións políticas. Buscaba asociar o galego a cousas simpáticas, gañalos pola persuasión”. 

Te puede interesar