COLABORADOR DE LA REGIÓN

Homenaxe ó ilustre avogado e galeguista Amadeo Varela

Descubriuse unha placa na súa casa familiar, onde tamén tiña o seu despachi, na rúa do Progreso

O ilustre avogado e galeguista ourensán Amadeo Varela recibiu onte unha sentida homenaxe co descubrimento dunha placa conmemorativa no edificio que foi a súa casa familiar e onde tiña o despacho -fronte á Diputación provincial- e que o lembraba como "galeguista e humanista, e defensor das causas sociais".

Este recoñecemento foi promovido pola Irmandade Xurídica Galega, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e o Concello de Ourense e contou coa presencia de numerosos xuristas, así como os fillos do homenaxeado e diversas autoridades, como o fiscal xefe de Galicia, Carlos Varela.

O presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, destacou a figura de Amadeo Varela -quen foi colaborador de La Región nos anos 60-, a quen lembrou coma "unha gran figura xurídica, humana e política, republicano e galeguista" e en especial destacou a súa conciencia social, reflectida "nesa defensa que fixo dos labregos de Castrelo de Miño", na época en que Fenosa comproulles as terras para o embalse. "Ao final fíxose o embalse, pero conseguiuse que a empresa pagase aos agricultores bastante máis diñeiro do que lles pensaba dar", sinalou Montero.

O fillo menor do homenaxeado, Fernando Varela, agradeceu en nome da familia o acto, que supuxo "un honor e unha satisfacción", cun simbolismo especial ao ser "na casa na que todos nacemos e xogamos", dixo.

Tralo descubrimento da placa, os asistentes trasladáronse ao instituto Otero Pedrayo, onde se desenrolou a sétima asemblea da Irmandade Xurídica Galega, onde, ademais de outorgar os diplomas aos novos 25 membros, glosouse a figura de Amadeo Varela, que antes que avogado foi profesor de Primaria no Colexio de Seixalbo, onde prestaba os libros aos nenos que tiñan que deixar o centro para axudar no fogar, para que puidesen seguir formándose.

Tamén foi un precursor da figura do mediador, xa que nos seus tempos de avogado reunía á persoa á que levaba o caso e a aquela coa que litigaba no seu despacho ata que se puñan de acordo, evitándolles ter que ir a xuízo.

Son algúns dos detalles que se apuntaron neste encontro, no que se reivindicou a figura de Amadeo Varela como avogado e como galeguista, pero, sobre todo, como unha persoa cunha forte conciencia social, preocupado polos demais e polos máis desfavorecidos.

Tamén se reivindicou neste encontro que o programa Minerva, de uso cotián polos xuristas e avogados, introduza o galego, para que sexa posible facer uso do idioma no Dereito.

O decano do Colexio de Abogados de Ourense, Arturo González Estévez, recibiu a medalla de ouro por la colaboración na organización da asamblea.

Te puede interesar