Ourense

Os tres hospitais de Ourense xa empregan os test de antíxenos para detectar covid en 10 minutos

Ourense

Os tres hospitais de Ourense xa empregan os test de antíxenos para detectar covid en 10 minutos

Teñen a mesma fiabilidade que as probas PCR

Os servizos de urxencias, xerais e pediátricas,dos tres hospitais públicos da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras empregan xa os novos test de antíxenos, que permiten ter un diagnóstico de covid-19 en 10-15 minutos, coa mesma fiabilidade que as PCRs, para poder actuar de inmediato ante pacientes con necesidades asistenciais urxentes ou con sintomatoloxía compatible coa infección por SARS-Cov2, sen necesidade de derivar a mostra ao Servizo de Microbioloxía.

Esta nova técnica diagnóstica, de gran fiabilidade, ven de ser ser autorizada polo Ministerio de Sanidade, sendo o Sergas un dos primeiros servizos de saúde autonómicos en implantala e distribuila a todos os hospitais. A Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras dispón xa das primeiras 10.000 unidades.

Trátase dun procedemento sinxelo é rápido que permite ser empregado directamente no centro no que está a ser atendido o paciente, mediante un pequeno “kit” individual, con todo o necesario para realizar a proba, tanto para extración da mostra, como o seu procesamento. Outra das súas vantaxes é a súa alta sensibilidade para determinar a presenza do virus no organismo incluso en etapas precoces, nos primeiros días da infección.

Tendo en conta estas características, a Consellería de Sanidade decidíu priorizar o seu uso nos servizos de urxencias hospitalarios para axilizar a confirmación da sospeita diagnóstica, permitindo así instaurar tratamento canto antes e facilitar o manexo dos pacientes nos circuítos diferenciados de atención, aínda que non se descarta ampliar seu uso a outros servizos.

PROBAS DISTINTAS

O antíxeno de covid-19 é unha proba de diagnóstico directo do virus que detecta partículas estruturais do mesmo en mostras respiratorias, extraidas mediante un hisopo nasofarínxeo, a principal diferenza deste test coa PCR e que esta detecta presenza o ADN do virus, mentres que estes detectan as súas proteínas (antíxenos).

A PCR é unha técnica complexa que precisa dun equipamento específico e persoal especializado e con experiencia no procedemento, ademais dun tempo mínimo para o procesamento e información de resultados. É un procedemento que amplifica o material xenético do virus (ARN e ADN) que permite detectalo mesmo en mostras escasas. A súa vantaxe é a fiabilidade, pero lóxicamente require dun laboratorio para o exame das mostras, e aínda que se pode ter o resultado en horas, non é inmediato.