Igrexas e capelas ourensás

Igrexa de San Francisco

O primitivo asentamento dos freires franciscanos en Ourense prodúcese durante o decurso do século XIII, de xeito concreto na praza do Correxidor, no solar ocupado actualmente pola congregación de Santa Joaquina de Vedruña, Carmelitas. Foron numerosas as mandas testamentarias a favor dos monxes que dan conta da enorme popularidade acadada polos freires da Orde Serafínica dentro da sociedade ourensá, especialmente entre as clases menos pudentes o que permitiu a ergueita dun cativo convento e igrexa; mais a citada popularidade viuse empeñada pola rivalidade existente entre o bispo de Ourense e o Cabido temerosos ambos da perda dos seus privilexios económicos compartidos igualmente por parte da nobreza, o que ocasionou, sen clara fidelidade histórica, o incendio intencionado do convento por parte dos homes do bispo don Pedro Yáñez de Noboa. Este lutuoso feito chegou incluso á propia bula de excomuñón do prelado por parte do papa Nicolás IV ou Bonifacio VIII, bula datada o día 27 de agosto do ano 1289, ca obriga como penitencia ao bispo da ergueita dun novo convento e igrexa a súa conta.

Nos comezos do século XVI os frades emprenden a ergueita do seu segundo templo e convento situado na aba de Montealegre, edificacións que mantiveron ata o traslado da citada igrexa, pedra a pedra, non así o seu claustro, ao actual emprazamento na rúa ourensá Xoaquín Lorenzo Fernández “Xocas”, situada a carón do parque de San Lázaro, no decurso do ano 1928, intentando aproveitar, no posible os materiais orixinais da antiga construción relixiosa así como na ergueita mais fidedigna do antigo templo.

A igrexa constitúe un claro exemplo de transición entre o estilo románico e o gótico, a pesar das diversas modificacións que sufriu durante o seu traslado. Accédese ao templo a través dunha portada-retablo, constituído por dous corpos; no superior ábrese un pequeno rosetón circular. A citada portada, abucinada, sitúase entre dous contrafortes, descansando sobre tres columnas por cada lado asentadas sobre un plinto; as exteriores, cos fustes lisos e estriados, e as máis interiores, todas rematadas con capiteis fitomorfos, zoomorfos e antropomorfos, figurando nun deles a curiosa talla dun gaiteiro tocando o seu instrumento musical, o que constitúe a primeira representación coñecida na arte galega.

O interior do templo presenta planta de cruz latina cunha soa nave lonxitudinal cuberta cunha cúpula cadrada situada preto do presbiterio, protexida por varandas; rematada nas ábsidas belamente iluminadas por fermosas e alargadas vidreiras xeminadas polícromas de dobre luz e mainel que son as encargadas da iluminación interior do templo, todo seguindo os postulados arquitectónicos dos franciscanos, coroadas por un oco tribulado central. A capela maior, ou presbiterio, está presidida pola dobre talla que representa o abrazo do Crucificado a san Francisco. Ambas ábsidas laterais comunícanse ca central mediante dous arco solios moi decorados. Nelas consérvanse interesantes sarcófagos de estilo gótico e plateresco, datado no século XVI, pertencentes a singulares persoeiros de Ourense, como os descendentes de Pedro Yáñez de Novoa, entre outros.

No interior da igrexa atópase expostas as interesante tallas: A Inmaculada, datada no século XVII, saída da man de Pedro de Ávila; san Bieito, de Juan de Angés, así como un fermoso relevo das ánimas ca Virxe do Carme, representando a san Francisco sacando almiñas do Purgatorio, obra dos coñecidos escultores ourensáns irmáns Núñez.

Por último a cuberta interior do templo é de madeira, o que permite unha maior e mellor difusión acústica dado que isto evita ou impide o desagradable efecto da reverberación provinte do son.

Te puede interesar