Universidad

A III Olimpíada Galega de Historia trasládase á rede

olimpiada_resultado
O proxecto online busca fomentar a paixón polo coñecemento entre os rapaces dos colexios

A terceira edición da Olimpíada Galega de Historia traslada a súa celebración ó eido virtual. A competición, prevista para o 22 de maio e organizada pola Facultade de Historia do Campus de Ourense, someterase a esta modificación para adaptarse ás medidas adoptadas durante o estado de alarma mantendo o obxectivo de fomentar a paixón polo coñecemento do pasado entre os máis novos. Segundo explica a decana do centro, Susana Reboreda, "dado que resulta impensable que a olimpíada se desenvolva tal e como a concibimos cando fixemos a convocatoria, decidimos lanzar un novo proxecto que consiste en levala a cabo desde a casa, en consonancia coas actividades que está realizando a Universidade de Vigo". De feito, lembra que na anterior edición "parte do evento xa se realizou a través da plataforma kahoot, mentres que a semifinal e a final fixéronse dun xeito máis tradicional", é dicir, presencialmente nun día de competición que tivo lugar nas instalacións do Campus. Tendo en conta esta experiencia, a proposta xa lanzada aos centros educativos é "que toda a actividade da olimpíada se realice a través da plataforma virtual". 

Na III Olimpíada Galega de Historia, que ten un formato de pregunta-resposta, pode participar o alumnado matriculado no curso 2019/2020 en cuarto de Educación Secundaria Obrigatoria ou Educación Secundaria de Adultos dos centros de Ensino Secundario de Galicia. Nun principio, detalla Susana Reboreda, mantense o formato previsto na convocatoria de catro estudantes por equipo que estarían conectados entre si por rede, asumindo un deles a tarefa de coordinación en conexión coa organización a través dunha aula do Campus Remoto da Universidade de Vigo. 

A realización da olimpíada está supeditada a acadar un número mínimo desexable de centros participantes. Para animar a unirse a esta iniciativa, a decana da Facultade de Historia salienta como a participación dos centros "sería unha forma de preparar a materia de Xeografía e Historia de cuarto da ESO e propor ao alumnado confinado un novo reto". 

Para a facultade, engade a súa responsable, "supón non renunciar a un proxecto ilusionante e adaptarnos ás normas do confinamento sen renunciar ás propostas que tiñamos previamente". En caso de acadar o número de centros necesarios para a súa celebración, a olimpíada adaptaría as súas bases ao novo contexto de celebración dunha cita que conta coa colaboración de entidades como o Consello Social da Universidade de Vigo, a Xunta de Galicia e o concello e deputación de Ourense, ademais de empresas como Coren, Grupo Cuevas, Editorial Galaxia e Caldaria. O prazo para apuntarse está aberto ata este venres, día 17.

Te puede interesar