Ourense

A inauguración do 
monumento ó Padre Feijoo

Ourense

CULTURA

A inauguración do 
monumento ó Padre Feijoo

Padre Feijoo
photo_cameraPadre Feijoo

Era Pereiro Rey un home de negocios de éxito, foi alcalde da cidade en varias ocasións e ante todo, tiña unha gran sensibilidade artística

Era unha multitude de persoas as que abarrotaban as rúas inmediatas a estatua o día da súa inauguración, un 8 de setembro de 1887, mais a mirada aguda de García Ferreiro, que exercía de cronista dos actos para un xornal madrileño, estaba fixada no outro gran protagonista xunto ó propio monumento do Padre Feijoo: “Un hombre lloraba en aquel momento al ver realizadas ilusiones perseguidas por él con envidiable constancia: D. Manuel Pereiro Rey, presidente de la Comisión del centenario”.

Era Pereiro Rey un home de negocios de éxito, foi alcalde da cidade en varias ocasións e ante todo, tiña unha gran sensibilidade artística. Esta calidade mereceulle diversas distincións, como a de correspondente da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando ou a de membro da Comisión de Monumentos de Ourense, onde mantivo unha participación activa a través de doazóns e axudas económicas que contribuíron a enriquece-los fondos do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.

No certame literario de 1876, xa xogara un papel importante pero logo de 1879, co falecemento do anterior presidente da Comisión do centenario, o Marqués de Leis, Pereiro Rey é determinante como impulsor dunha iniciativa que por motivos diversos parecía condenada a quedarse no intento. Seguramente non puxo tanto diñeiro do seu peto para erixir a estatua como se ten dito, pero si puxo empeño, ilusión e dedicación na causa, valores máis difíciles de medir que os materiais, pero moito máis prezados.

A inauguración da estatua tivo repercusión nacional ó igual que a tivera o certame literario de 1876. Constitúe un fito sinalado na valoración do legado do Padre Feijoo, o que xustifica que na próxima exposición do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense da Xunta de Galicia se inclúa un apartado dedicado a este acontecemento.

Outras crónicas da xornada recollen a expectación e emotividade con que se desenvolveu o acto. É o caso do relatado por Pardo Bazán, que presente o día da inauguración, narra como algunhas das persoas asistentes se axeonllaban e recitaban un nosopai diante da estatua. Foi, sen dúbida unha das datas máis sinaladas na historia da cidade de Ourense. Diversas informacións cifran nunhas 20 000 persoas os asistentes, é dicir, o que supuña dobra-la poboación da cidade durante eses días. De forma que non é estraño que as hospedaxes estivesen cheas, os veciños habilitasen as súas propias casas e mesmo que moitos forasteiros se visen obrigados a durmir ó raso. En gran medida, este éxito foi debido ó programa de festexos que durante cinco días complementaron ó acto principal, favorecido tamén con interesantes iniciativas, como o desconto no billete que ofrecía a compañía de ferrocarril para aqueles que viaxaban cara Ourense.

Un dos atractivos da celebración era a variedade do programa que podía satisfacer o gusto dun amplo abano de persoas. Certames científicos, literarios e musicais mesturábanse con exposición de gando, fogos artificiais, iluminacións artísticas ou bailes, ademais da animación musical de rúa.

Os actos comezaron xa o día anterior á inauguración da estatua coa Exposición Provincial de Ganados na Alameda do Cruceiro. A xornada consistía nun concurso-exposición onde se buscaba mostrar a riqueza gandeira da provincia con especial dedicación ás variedades propias. O Colexio Médico-Farmacéutico organizaba para o día nove un certame científico presidido pola Pardo Bazán, escritora xa consagrada, quen pronunciou un discurso sobre o Padre Feijoo que lle serviu para redimirse consigo mesma pois non quedara completamente satisfeita co traballo elaborado en 1876. Houbo tamén un concurso de orfeóns, con triunfo do “Orfeón orensano”, creado ese mesmo ano, segundo o de Pontevedra e un accésit mereceu o de Santiago. Os concursos musicais continuaron co de gaita, no que os participantes debían porta-la vestimenta e instrumentos tradicionais, con vitoria para o gaiteiro de Ventosela. Con presidencia tamén de Pardo Bazán, organizouse outro certame literario con diferentes categorías e vinte e tres premios.

En definitiva todo un conxunto de actividades que durante cinco días contaron coa participación e implicación de toda a sociedade ourensá, aínda que hai unha que tivo unha especial significación. O día 9, na Catedral, Marcelo Macías pronunciaba un eloxio fúnebre ó Padre Feijoo resarcindo unha débeda de máis de cen anos. Nada máis baixar do púlpito recibía as felicitacións como grande orador, pero foi a dunha anciá, a que resumiu o valor das homenaxes celebradas na cidade de Ourense a finais do século XIX en pro do Padre Feijoo, cando se acercou e lle dixo: “Don Marcelo, ha hecho usted una buena obra, sacando a un alma del Purgatorio”.

Más en Ourense
Comentarios