ENTREVISTA A...

“A incorporación da miña filla ao espectáculo foi espontáneo e divertido "

<p></p>
photo_camera Nuria Sotelo canda súa filla interpretando 'Ensaio Amor'.

Nuria Sotelo é licenciada en Veterinaria, pero dende pequena sempre soubo que a súa paixón era a danza. Estudou ballet dende os sete aos 18 anos e logo danza contemporánea durante a súa etapa universitaria.

Esta ourensá é directora da súa propia compañía, Licenciada Sotelo. Onte estreou en Valladolid, dentro do festival de teatro alternativo "Fetal" de Urones de Castroponce, o seu espectáculo 'Ensaio Amor'. Unha peza na que ela, a violonchelista Macarena Montesinos, a bailarina Clara Ferrao e a súa propia filla dun ano e medio, Lena Vilanova, mostran as distintas perspectivas do papel da muller. O espectáculo foi concebido entre Galicia e Euskadi e é a primeria creación que fan estas tres artistas xuntas. 

Cando empezou coa súa compañía Licenciada Sotelo?

O proxecto empezou no ano 2010 a través dunha peza que eu fixera baixo a dirección de Ana Valdés, pero esta peza que representamos en Valladolid non ten nada que ver coa miña compañía. 

Como xurdíu, logo, a idea de ‘Ensaio amor' ?

En principio, a violonchelista Macarena Montesinos,  a bailarinaClara Ferrao e mais eu iamos facer outro espectáculo, para o que pedimos unha subvención á Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC). Unha vez nos concederon a subvención, eu quedei embarazada, e era inviable seguir co proxecto de danza nas datas fixadas polas bases enton renunciamos á subvención. Unha vez eu tiven a nena decidimos continuar, pero claro, coa aparición da rapaza, todo foi cambiando cara ao coidado do bebé.

Foi nese momento cando decidistes incorporar á nena ao espectáculo?

Si, foi algo froito da casualidade, ela estaba sempre nos ensaios e pasou, sen querelo, a formar parte da posta en escena. Foi algo espontáneo e divertido. 

Non foi un pouco polémico incorporar a unha nena tan pequena?

Houbo debate, si. Algúns dixeron que podería tratarse de explotación infantil ou algo así. Pero a min paréceme absurdo o debate. Porque ninguén pon en tela de xuízo que unha nai teña que separarse da súa filla aos catro meses de dar a luz e deixala nunha gardería, e iso a min paréceme tercermundista. 

En ‘Ensaio Amor' que se atopa o espectador no escenario?

Esta peza é unha creación na que se abordan diferentes aspectos de nós como mulleres, como persoas sensibles, e dentro desto, está a parte de as primeiras experiencias dunha muller ao ser nai. É certo que  é a parte que toma especial relevancia porque non é moi habitual ver a un bebé sobre o escenario. 

Ata ao de agora como foi a resposta do público?

Foi moi boa, estamos as tres moi contentas. Na estrea no Festival Escenas do Cambio a acollida foi estupenda e no Festival Alt de Vigo tamén.

Cando estará ‘Ensaio Amor' en Ourense?

En principio,se todo vai ben, estrearemos en novembro o espectáculo no Auditorio. 

Te puede interesar