Investigan no Campus facer unha galleta con proteína de peixe

Galletas dulces a base de pescado (UVigo)
photo_camera Galletas dulces a base de pescado (UVigo)

A área de Tecnoloxía dos Alimentos da Facultade de Ciencias do Campus de Ourense busca unha galleta doce e saudable de proteína mariña. A investigadora Sidonia Martínez dirixe un proxecto de investigación que traballa na mellora do proceso de elaboración dunha galleta de peixe que sabe doce. O obxectivo é mellorar a patente alimentaria do produto creada polo gastrónomo Alfonso Díaz.

Sidonia Martínez e o seu equipo avaliaron os ingredientes utilizados na elaboración da galleta e os diferentes parámetros que condicionan as etapas do proceso de elaboración. “Co obxectivo de reducir o seu valor enerxético, aumentar o crocante en boca e equilibrar o valor nutritivo do produto combináronse diferentes proporcións de ingredientes ata obter unhas formulacións que se axustaban máis ao desexado”, explica.

A galleta, di a investigadora ourensá, ten características nutricionais que a converten “nun alimento rico en proteína, cun alto contido en fibra e baixo contido en azucre e sal”. Tamén aporta un valor alto en ácedos graxos como o omega 3 e está elaborada con aceite de oliva virxe extra. 

O produto do Campus de Ourense tamén leva unha mestura de cereais, con avena, liño, quinoa, salvado de trigo e fariña de trigo, ademais do ingrediente principal en valores absolutos: a proteína mariña.

Comparativa

Martínez tamén comparou os resultados da investigación con diferentes marcas de galletas dispoñibles no mercado español e de galletas dirixidas á poboación infantil. “Pódese comprobar que o valor enerxético e a densidade calórica das galletas elaboradas neste estudo está por debaixo da media das galletas das diferentes marcas”, explica a investigadora ourensá.

Te puede interesar