Javier Quintas: “Estase a recuperar ese vello discurso de odio cara á masonaría”

Javier Quintas é un divulgador da historia da masonaría en Galicia.
photo_camera Javier Quintas é un divulgador da historia da masonaría en Galicia.
Javier Quintas é o Venerable Mestre da loxa masónica Suevia

O Venerable Mestre da loxa mixta Suevia rompe cos estereotipos ao dar luz á institución que representa, a masonaría, unha incógnita para o común dos cidadáns. Despois da súa fundación en 2019, non volvimos saber moito da loxa local e, hoxe, acudimos a o membro máis visible desta sociedade discreta, que non secreta, na cidade das Burgas.

Que foi da loxa tras dous anos de covid?

A loxa Suevia abateu columnas o 14 de abril deste ano. Cando unha loxa decae ou cesa a súa actividade, utilizamos, na nosa xerga, o “abatemento de columnas”. Decidimos que o proxecto non podía ter continuidade. Tiñamos o cuartel xeral, por así dicilo, no baixo da casa dun irmán, que gustosamente o emprestaba para que nos puidesemos reunir alí unha ou dúas veces ao mes. Era moi complicado sostelo e uns irmáns decidiron “pasar a soño”, é dicir, darse de baixa e adicarse a asuntos laborais ou familiares.

Que supuxo a pandemia para os masóns ourensáns?

Nacimos en marzo do 2019 e en febreiro de 2020, xusto antes da pandemia, rematamos de constituír o triángulo e estabamos tramitando o capítulo Rosacruz, que permite o acceso aos altos graos, en Lugo. Tiñamos un número de membros importante, con moitos aprendices. Pintaba moi ben, pero a pandemia fíxonos moitísimo dano, porque a masonaría só vive se se practica. Como calquera movemento asociativo, se non te reúnes e non tes asembleas, non hai nada. Se non tes ningún tipo de actividade nin de proxecto, a cousa vai esmorecendo.

Está traballando noutro proxecto relacionado?

Participo no Instituto de Estudos Masónicos de Galicia, formado por un grupo de irmáns con interese en normalizar socialmente a nosa institución. Organizamos eventos, investigamos e facemos publicacións sobre o mundo da masonaría no ámbito galego. Levamos editadas, polo menos, seis obras: entre elas, unha biografía de Juan Sieiro González, catedrático no Instituto de Ourense e máximo expoñente do krausismo en Galicia; outra sobre a vida de Manuel Suárez Castro, alcalde de Ourense fusilado en 1937, e tamén un libro sobre Benito Cancela, o último rexidor da Segunda República en Celanova. Queremos rescatar e divulgar a memoria destes masóns que foron inxustamente vilipendiados, perseguidos e esquecidos. Ademais, por mediación do Instituto e do irmán José Vázquez Fouz, en 2019 logramos que o Parlamento galego aprobase por unanimidade a declaración da masonaría como institución honorable.

Segue a haber prexuízos contra os masóns?

Percibimos que veñen recuperando ese vello discurso de odio cara á masonaría, que representa o libre pensamento e o espírito crítico. O obxectivo do Instituto é poñer luz e amosar que somos persoas coas nosas vidas familiares e profesionais e que convivimos cos nosos veciños con toda a normalidade. A masonaría onde realmente pode agromar é naqueles sistemas plenamente democráticos, onde existen liberdades civís. Se non, a masonaría como tal acaba desaparecendo, ben porque é perseguida ou porque as loxas se disolven porque é imposible seguir a súa actividade. En distintos períodos da historia as loxas serviron de refuxio para os disidentes co poder establecido. Nun sistema antidemocrático, como foron as monarquías absolutistas e o réxime franquista, somos inimigos a bater.

Te puede interesar